Será empregado polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal, que tras a crise do COVID-19 poderá empregalo para a desinfección dos seus equipos e vehículos
O Concello de Brión ven de adquirir un canón de ozono portátil, que
será empregado polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal para a realización de traballos
de limpeza e desinfección de interiores, vehículos e superficies. Segundo a Organización
Mundial da Saúde (OMS), o ozono é o desinfectante máis eficiente para todo tipo de
microorganismos, incluíndo os coronavirus como o COVID-19.
O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “é unha medida preventiva máis que
tomamos desde o Concello de Brión para evitar a propagación do COVID-19 e que se suma
ás limpezas e desinfeccións manuais que se están a facer a diario nos contedores do lixo e
nos lugares de maior afluencia de persoas, así como aos traballos de desinfección co tractor
nas 106 aldeas do municipio. Unha vez superemos esta crise sanitaria, o canón de ozono será
tamén de moita utilidade para o persoal do GES”.
O novo canón de ozono será empregado para a limpeza e desinfección dos vehículos, equipos
e locais do persoal que está na primeira liña da loita contra o COVID-19 como o propio
Grupo de Emerxencias Supramunicipal, Policía Local, Garda Civil e Centro de Saúde.
Tamén poderá ser empregado para a limpeza e desinfección dos distintos edificios e
instalacións municipais antes da súa reapertura ao público cando se levante o actual estado de
alarma.
O ozono, ademais de ter propiedades desodorizantes, non xera ningún tipo de residuo
químico durante o seu proceso de desinfección, polo que é unha solución eficiente e
ecolóxica para a eliminación de contaminantes patóxenos do aire, auga, superficies,
maquinaria, complexos téxtiles de protección, interior de vehículos, accesorios e interior de
habitacións.
Unha vez superada a actual crise sanitaria do COVID-19, o canón de ozono seguirá sendo
utilizado polo GES de Brión para a limpeza e desinfección dos seus equipos, que están
expostos a numerosos contaminantes físicos e químicos ao longo do seu traballo diario en
incendios urbanos e forestais, accidentes de tráfico, rescates… Este novo equipo mellorará a
súa calidade de vida ao eliminar a contaminación diaria que acumulan nos seus vehículos e
equipos de traballo.