A Concellería de Seguridade e Mobilidade do Concello de Santiago de Compostela informa que o vindeiro luns, 5 de xaneiro, con motivo da celebración da tradicional Cabalgata de Reis, adoptaranse as seguintes medidas de ordenación do tráfico:
1.- A partir das 14.00 h. queda prohibido o estacionamento na explanada da Estación do ferrocarril, lugar de concentración da comitiva da Cabalgata de Reis.
2.- A partir das 15.00 h. queda prohibido o estacionamento nas seguintes rúas afectadas polo itinerario da Cabalgata: Santiago de Chile (tramo comprendido entre A Rosa e Frei Rosendo Salvado), Frei Rosendo Salvado (tramo entre Santiago de Chile e Praza Roxa), República do Salvador e Hórreo (tramo que vai dende República do Salvador ata a praza de Galicia). Nas rúas citadas produciranse cortes temporais de tráfico de acordo co paso da Cabalgata.
3.- Recoméndase aos condutores que eviten circular pola avenida de Lugo durante o inicio da Cabalgata (que ten prevista a súa saída ás 18.00 h. da estación de ferrocarril) polos cortes que se producirán á altura do Hórreo e na rotonda da Pontepedriña, empregando como alternativa para atravesar a cidade o túnel do Hórreo.
Así mesmo, recoméndase aos condutores que, na medida do posible, eviten circular polo centro urbano ao longo da tarde deste luns.
4.- Desvíos:
Dende a rúa Doutor Teixeiro, pola praza de Pontecastro, a rúa da Rosa, a rúa Antonio Casares e avenida de Lugo, ou ben polo Hórreo e avenida de Lugo.
Dende Vista Alegre-Salvadas, en dirección ao Campus Sur e á estrada de Noia (C-543), polas rúas Poza de Bar e San Lourenzo.
Dende os vieiros procedentes de Ourense e da Estrada, en dirección á zona sur -estradas de Pontevedra (N-550) e Noia (C-543)-, pola zona do Castiñeiriño, a través do vieiro Santiago de Cuba e a través do cuarto xiro de Cornes, para así incorporarse ao periférico e dende alí ás estradas referidas.
Recoméndase igualmente aos condutores que circulen dende a zona sur ao norte da cidade (e viceversa) que, na media do posible, circulen pola AP-9, xa que o periférico, no tramo de saída próximo á estación de ferrocarril, resultará afectado pola cabalgata.
As liñas do transporte urbano que circulan polo percorrido sufrirán durante o paso das carrozas pequenas alteracións das que se dará conta a través dos paneis informativos.
O Departamento de Seguridade e Mobilidade prega aos cidadáns que respecten estas indicacións e desculpen as molestias que estes cortes lles poidan ocasionar. Así mesmo, a Policía Local e Protección Civil piden que se sigan as súas indicacións.