Saturday 16 de November de 2024

O confinamento en San Sadurniño


 

Fran da Lobeira, Cobelo, Javier o de Roa e maila filla… xente que nos anima o peche entre aplausos de recoñecemento

Se algo imos sacar en limpo desta crise é a conciencia de que, como dicía aquel anuncio de Aquarius, “o ser humano é extraordinario”. O confinamento está facendo aflorar o mellor de nós en canto a solidariedade, pero tamén está facendo que nos decatemos de canto necesitamos estar con outra xente, compartir momentos con ela, falar, rir… En plena era das redes sociais tivo que ser un virus quen nos puxese diante dos ollos o importante que é o ti a ti, a parola directa, o estarmos xuntos. A situación é a que é, non podemos saír da casa máis que para o esencial e non podemos andar con bromas, xa que a cousa é ben grave e pide que sexamos responsables. Por sorte, as mesmas redes sociais que antes nos enfuciñaban no teléfono sen mirar para quen tiñamos ao noso lado, agora serven de altofalante para manter os vínculos persoais. Música, vídeos, videochamadas grupais, retos e creación artística colectiva poboan estes días o Facebook e outras plataformas como maneira de expresión. Os medios refírense ao fenómeno como un xeito de “levar ben o confinamento”, aínda que semelle máis unha manifestación da nosa propia condición de seres sociais, de seres humanos. E en San Sadurniño temos boa mostra diso en todas as plataformas dixitais… e tamén nos aplausos que resoan puntuais todos os días ás 20.00h.

Xa nos primeiros compases do confinamento, varios xogadores das categorías miúdas do CF San Sadurniño e as súas familias compartiron en Facebook un vídeo dándolle toques a un rolo de papel hixiénico, produto estrela dos acaparamentos irracionais que se deron trala declaración do Estado de Alarma.

A partir de aí, a medida que ían avanzando os días e máis ou menos se asumía a cousa ía ser para tempo, empezaron a subirse cousas. Comezou David Guiñazú cos seus tutoriais de ximnasia de mantemento, reconvertidos en pequenas pezas para o Facebook municipal. De momento hai só dúas, pero nos próximos días publicaranse máis.

No lecer audiovisual debemos contar tamén o Chanfaina Lab agasallándonos cunha estrea diaria das curtas da última edición e, xa por fóra das canles municipais, outra xente ávida de contar, de entreter e de matarlle o aburrimento aos demais. Niso está un día si e outro tamén Fran Bermúdez -Fran da Lobeira- quen xa nos ten afeitos a vídeos marabillosos na súa canle random A Lobeira Today. A través de Facebook reorientou a súa creatividade para publicar pequenos xogos audiovisuais nos que propón adiviñas culturais que teñen como elo común o coñecemento do galego. Con el estamos aprendendo nomes de árbores e minerais, a usar o b e o v en certas palabras, o emprego do acento gráfico, etc. Toda unha delicia que sabe a pouco e que é de grande utilidade.

Carlos Cobelo, pequeno grande saltón de Bardaos, leva varios días erguendo da cama e dándolle as boas noites á parroquia cun megáfono na man. O coñecido “ola fondo norteeee!” das vodas converteuse na Bañoca nun “toma veeeeeen!” que obtén respostas audibles desde todos os recunchos aos que chega a chamada de Cobelo. Podedes ver os episodios diarios e outras escarallantes caralladas cobelianas no Facebook de A Parroquia de Bardaos-San Pipote.

Tamén tivemos música, neste caso con Javier Rodríguez Castro -Javier, o de electricidade ROA-, compoñente de Encrucillada e adicto a sesións maratonianas de serrado co acordeón, quen subiu a Facebook a unha versión propia do “Resistiré” acompañado da súa filla Lucía ás cordas dun ukelele. Cousa bonita made-in Vilafiúnce.

O “Resistiré”, esa canción que fixeron famosa o Dúo Dinámico e que protagoniza os aplausos puntuais das 8 da tarde, tamén en San Sadurniño. A homenaxe a quen traballan arreo para manter a raia o andazo, a quen atenden nos hospitais, a quen nos sirven nos comercios, a quen segue producindo todo o que precisamos para vivir, anque sexa en confinamento, escóitase tímida aquí e acolá como banda sonora dunha crise que aínda nos terá a cuberto alomenos dúas semanas máis. E, despois, seguramente nada volverá ser o mesmo.