O Grupo Frinsa comunicou que doará 15.000 mascarillas
A Asociación de Amas de Casa de Ribeira adhírese ao programa de voluntariado que baixo a coordinación do Concello xestiona a elaboración de mascarillas domésticas, de tal xeito que costureiras e bordadoras con experiencia integrantes desta entidade prestarán a súa axuda neste labor.
Así se explicou na Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19 na que, no capítulo de agradecementos, ademais de á entidade que preside Puri Cores, tamén se expresou a gratitude da Comisión á Xunta de Galicia, que vai enviar unha nova partida formada por 350 mascarillas, 500 pares de guantes, 7,5 litros de xel e 7 traxes; a Ignacio López Soto, por aportar 400 mascarillas e 900 pares de guantes; a Francisco Gude pola entrega de 15 traxes; e a Carlos Rodríguez e a empresa Neoprint, por doar unha incubadora con destino ao Hospital da Barbanza (colaborando o Concello no seu traslado).
Mención especial merece a doazón por parte do Grupo Frinsa de 15.000 mascarillas que irán chegando durante a semana do 20 de abril. Esta significativa cantidade, sumada a outras 4.000 que están en vías de ser recibidas polo Concello nos próximos días, garantirá que como mínimo toda a veciñanza maior de 65 anos e o resto de grupos de risco teñan cuberta esta necesidade.
A isto hai que engadir que o Concello vai suministrar material ao seu voluntariado para a elaboración de aproximadamente outras 6.500 mascarillas, xunto a un titorial sobre o modo de confección das mesmas de xeito seguro.
Cómpre salientar que ata o día de hoxe o dispositivo articulado polo Concello xa permitiu o reparto de maneira coordinada de máis de 4.000 mascarillas, máscaras e pantallas protectoras dende que se iniciou o Estado de Alarma.
Control de Semana Santa
Por outra parte, segundo acordou a Comisión, durante esta Semana Santa vaise establecer un control especial de vehículos e persoas por Parte da Policía Local coa fin de vixiar o efectivo cumprimento das normas de confinamento.