Catro e cuarto da tarde. Un pequeno camión refrixerado para na Torre, en Igrexafeita. Chega puntual, coma todas as semanas. Non tardan en achegarse a el tres veciñas, as tres de idade avanzada pero suficientemente “ables” para se valer por si, as tres coa carteira na man. O condutor, un home novo e falangueiro, saúdaas embozado tras da súa máscara FFP3 mentres ergue o lateral do vehículo para deixar á vista todo o xénero que trae. Empeza así a cerimonia habitual da venda porta por porta nun momento en que o coronavirus o tingue todo: é o tema principal das conversas, é tamén a causa de que se garden as distancias e, incluso aquí, o motivo de que mudasen un chisco os hábitos de compra. A venda ambulante xa hai tempo que é un servizo fundamental para as zonas rurais. E agora, en tempos de confinamento, máis aínda.
Galicia ten unha poboación cada vez máis avellentada nunha paisaxe humana caracterizada pola dispersión. Iso xa era sabido de antes da chegada do coronavirus. Porén, a praga está servindo para que nos decatemos de canto valor ten a atención de proximidade, o poder ter o máis cerca posible os produtos básicos nun contexto en que as tabernas-ultramarinos están case extinguidas. Sen contar os dous establecementos da Cooperativa de Meirás, en San Sadurniño quedan as dúas tendas do centro urbano -Outeiro e Calvo-, en Lamas renovouse Castrillón cunha emprendedora moza que aposta polo comercio local, no Camiño Arriba temos o Lembranza, en Naraío subsisten O Campo e Casa Eladio… e para de contar. En Ferreira nada, en Bardaos e Santa Mariña tampouco e, no caso que nos ocupa, en Igrexafeita, tampouco queda onde comprar sequera un paquete de sal.
Por sorte ese oco das pequenas tendas de toda a vida ocupárono comerciais autónomos que percorren as pistas con froita, peixe, gasosas ou de todo un pouco, como fai Carlos Vázquez, de Conxelados Astur-Galaicos. “Veño todas as semanas e traio conxelado, carne, peixe, froita, iogures…”, comenta. Para el a actual crise sanitaria nótase “en que tes que tomar unhas medidas e protocolos que antes non se tomaban. Gardar unhas distancias, andar con guantes e mascarilla, desinfectar as cousas, os cartos… eses protocolos que antes non eran necesarios”, explica.
No seu percorrido viu que a compra se segue facendo coma sempre ou quizais en cantidades lixeiramente maiores e de produtos non perecedoiros. “A xente segue máis ou menos igual, con algo de medo porque non queremos contaxiarnos”, afirma Carlos engandindo que, precisamente por iso -e polo feito de que agora a xente é máis reacia a baixar até Alcampo ou até San Sadurniño- as vendas “aumentaron un pouco porque a xente intenta saír da casa o menos posible”.
A súa clientela confírmao. Susa Garabana, unha das mulleres que se surte no furgón, pensa que “a cousa vai para largo” e, concienciada como está coas medidas sanitarias, só sae da casa “para facer a compra, polo demais nin saio nin me movo de aquí”, algo que ela ten doado xa que o furgón parou a escasos dez metros de onde vive.
Consuelo Barro, outra das compradoras habituais do produto que trae Carlos Vázquez todas as semanas, retruca que “comer temos que comer, e gracias a esta xente que vén pola porta”, aínda que tamén recoñece que vivir na aldea ofrece outras vantaxes . Quen máis e quen menos ten horta, galiñas, cría un porco e, como resume Consuelo, “nosoutros estamos moi ben aquí, xa era o noso. Antes xa non nos movíamos e agora tampouco”. Toda unha filosofía de vida que envexan moitos e moitas agora confinados en pisos.
A visita do furgón racha, aínda que só sexa un pouco, a monotonía do día. Parólase, sábense algunhas novidades e as conversas repasan todo o repasable nos escasos cinco minutos de parada que fai a tenda ambulante. Como era de agardar, un tema sobresae entre todos: “nestes momentos o tema principal é o coronavirus, e logo o tempo, como estamos de saude…”, explica Carlos antes de pechar o portón para seguir a súa ruta e repetir a escena na seguinte estación.
Manolo Varela, concelleiro de Desenvolvemento local, destaca o papel social que cumpren este tipo de tendas móbiles “e tamén as pequenas tendas que aínda quedan en San Sadurniño”. Para o edil, a crise sanitaria en que nos encontramos “está evidenciando a dependencia que temos dos mercados globais, das grandes distribuidoras e comercializadoras…. e tamén nos está axudando a decatarnos do importante que é manter un tecido produtivo e de comercialización de proximidade. Desde o Concello levamos anos dicíndoo e insistindo niso e agora estámolo vendo. Esa será unha das cousas que se saquen en limpo cando pase todo isto. Hai que apostar polo local, apostar por quen produce e vende preto de nós e implementar novas fórmulas comerciais que se adapten á realidade social e demográfica que temos no rural”.