A área de Economía e Facenda acurta o período medio de pagamento dos 76,47 días de 2010 aos 28,88 días do pasado mes de novembro
O concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira, agradeceu esta mañá, unha vez máis, o compromiso dos coruñeses, pois se mellorou o grao de recadación do apartado de ingresos durante o prazo de pagamento voluntario -correspondente ao período comprendido entre o 15 de setembro e o 5 de decembro-. Así, alcanzouse o 88,31%, o que representa un incremento do 2,5% con respecto ao mesmo período de 2013. Roberto Coira destacou que, xunto á responsabilidade demostrada polos cidadáns coas súas obrigas tributarias, son as medidas adoptadas por este equipo de goberno -como a conxelación dos impostos durante todo este mandato, o incremento do prazo de pagamento e as novas bonificacións- as que permitiron mellorar a porcentaxe de ingresos durante o último cuadrimestre de 2014.
Roberto Coira recordou que o período voluntario de ingreso dos tributos locais entre o 15 de setembro e o 5 de decembro se circunscribe ás taxas de recollida de lixos (comercial e industrial), de cemiterios, por entrada de vehículos e reserva de espazo sobre a vía pública, por ocupación de vía pública con aparatos distribuidores, imposto sobre bens inmobles (IBI) urbanos e rústicos, e o imposto sobre actividades económicas (IAE).
O responsable municipal quixo agradecer, como en anos anteriores, o compromiso e a responsabilidade dos coruñeses, pois se puido bater o récord no grao de recadación do apartado de ingresos, que alcanzou o 88,31%, o que representa un incremento do 2,5% con respecto a este mesmo período de 2013.
O concelleiro de Economía e Facenda asegurou que as medidas impulsadas por este equipo de goberno para facilitar aos contribuíntes o pagamento dos seus impostos tiveron éxito á vista do elevado grao de recadación dos ingresos durante este último período de cobramento voluntario. Neste sentido, Roberto Coiradestacou que o Concello estableceu diferentes modalidades de cobramento (caixa municipal da rúa da Franxa, web municipal e a través de 15 entidades bancarias) e, sobre todo, repetiu en 2014 a experiencia que puxo en marcha en 2013 e ampliou o prazo para realizar o pagamento dos tributos locais en tres semanas (antes era do 1 de outubro ao 30 de novembro). Deste xeito, facilitouse o pagamento de impostos aos coruñeses, que puideron elixir, en función do seu interese, para efectuar os seus pagamentos entre os últimos catro meses do ano (setembro, outubro, novembro ou decembro).
Roberto Coira prestou especial atención á decisión do actual equipo de goberno de manter conxelados os impostos municipais durante este mandato sen nin sequera aplicar as subas do IPC, unha medida adoptada pensando nos contribuíntes, o que supón aos coruñeses un aforro de máis de 10 millóns de euros ao longo destes catro anos. Así, en 2015, conxelaranse de novo os impostos, polo que A Coruña repetirá entre as cidades co IBI máis barato de todas as urbes españolas.
O responsable de Economía e Facenda tamén recordou outras medidas que se impulsaron dende o seu departamento para mellorar o servizo e a atención dos contribuíntes:
. Normalización de modelos de solicitudes: adaptación dos modelos de solicitude tributarios á nova imaxe corporativa (poden descargarse a través da web).
. Mellora na información aos contribuíntes grazas á instalación de pantallas informativas no rexistro municipal da rúa da Franxa e ao envío dunha carta informativa cos recibos de IBI e IAE na que se recalcou o pagamento a través da web e a bonificación no IBI que se pode obter a través do Pagamento con Vencemento Especial.
Esta aposta pola atención ao cidadán traduciuse nun incremento significativo no número de persoas atendidas nas dependencias da rúa da Franxa. Así, en 2014 aumentouse nun 4% (a data 17 de decembro, eran un total de 43.183, cando en todo 2013 se alcanzaron as 41.505 persoas atendidas).
PLAN DE PAGAMENTO PERSONALIZADO
O Concello ten en marcha outros proxectos para afianzar o seu compromiso cos cidadáns e achegar a administración aos coruñeses. Entre os obxectivos para 2015 destaca o novo plan de pagamento personalizado para cinco tributos (imposto sobre bens inmobles, sobre actividades económicas, sobre vehículos, lixos industriais e vaos). A través desta iniciativa pioneira na cidade, o contribuínte que o solicitei poderá fraccionar os seus pagamentos en tres modalidades:
. 2 cotas (a pagar o 1 de marzo e 1 de outubro).
. 3 cotas (a pagar da 1 de marzo, 30 de xuño e 1 de outubro).
. 5 cotas (a pagar o 1 de marzo, 30 de abril, 30 de xuño, 31 de agosto e 1 de outubro).
BONIFICACIÓNS
Durante este período voluntario de ingreso dos tributos municipais tamén se efectuou o segundo prazo do Pagamento con Vencemento Especial do IBI que permite obter unha bonificación do 2%, un novidoso sistema que facilita o seu pagamento mediante a domiciliación bancaria. Ademais, as persoas interesadas en acollerse ao pagamento fraccionado do imposto de bens inmobles para este ano poden seguir presentando a súa solicitude ata o próximo 28 de febreiro.
Roberto Coira mostrou a súa satisfacción pola boa acollida que está a ter o Pagamento con Vencemento Especial. Así, o Concello xa logrou incrementar en 2014 o número de cidadáns que se beneficiaron desta bonificación do 2%, ata alcanzar os 645 contribuíntes. A día de hoxe, coas solicitudes presentadas durante os últimos meses para acollerse a este sistema de pagamento doIBI en 2015, o número está preto de duplicarse, pois xa se superaron os 1.100 cidadáns que se acolleron ao Pagamento con Vencemento Especial.
PLAN DE PAGAMENTO A PROVEDORES E NOVOS ESTABLECEMENTOS
O concelleiro de Economía e Facenda tamén avanzou novos datos que avalan os pasos logrados cara a unha mellor xestión municipal. Así, Roberto Coira destacou o uso das novas tecnoloxías, con ferramentas como o Rexistro Central de Facturas e a Firma Electrónica, o que favorece a operatividade da administración e axiliza o prazo de pagamentos, ofrecendo máis garantías para os provedores porque o sistema de tramitación segue unha pauta máis lóxica e, sobre todo, máis coordinada entre os distintos departamentos municipais.
O Concello quere así evitar o acontecido en 2012, cando foi necesario solicitar un préstamo de 7,05 millóns de euros para facer fronte ao pagamento de facturas que quedaron pendentes de aboar por parte dos anteriores responsables municipais. O Goberno local xa logrou rebaixar case a terceira parte o período medio de pagamento a provedores: dos 76,47 días en 2010 aos 28,88 días do pasado mes de novembro.
O concelleiro de Economía e Facenda tamén destacou que, ademais de ser a cidade galega coa menor taxa de desemprego, se produciu un importante número de aperturas de novos establecementos naCoruña. En concreto, en 2014 alcanzáronse as 1.241 entre as comunicacións previas -que se poden presentar dende xuño para implantación de actividade e cambio de titularidade- e entre as novas licenzas de actividade e cambios de titularidade que se concederon no primeiro semestre de 2014. Así, producíronse 3,4 aperturas de establecemento e cambios de titularidade de media ao día durante 2014, unha cifra que aumenta ata os 4,75 tendo en conta que non se producen aperturas en fin de semana.
PRESUPOSTO MUNICIPAL DE 2015
O concelleiro de Economía e Facenda tamén recordou que onte, 1 de xaneiro, xa entrou en vigor o Presuposto Municipal de 2015 tras ser a primeira cidade de Galicia en aprobalo e tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP); un presuposto que incide nas grandes prioridades para este equipo de goberno: o gasto social, a xeración de emprego e a modernización e mellora de todos os barrios co obxectivo de que A Coruña recupere o seu papel de referente do noroeste español en innovación, turismo, servizos sociais, eventos deportivos e culturais, e plans de mobilidade e accesibilidade.
O presuposto para este ano alcanza os 252 millóns de euros -a cifra máis alta deste mandato-, un 3,2% máis que en 2014 -é dicir, 7,7 millóns de euros- e sen subir os impostos, que se conxelan por cuarto ano consecutivo.