Inicialmente unha por cada domicilio que o solicite, con posibilidade de incrementar o seu número na medida en que vaian chegando existencias
O Concello de Moeche comezou hoxe o reparto de mascarillas entre a poboación local de cara a incrementar no posible a prevención de contaxios do coronavirus. Están feitas en tea lavable para poder usalas máis dunha vez e dispoñen de espazo para colocarlles un filtro plástico ou doutro material. Varios grupos de costura do municipio e tamén entidades e empresas doaron un total de 425 máscaras que se ben non están homologadas, si poden mitigar a posibilidade de infección nun momento en que non hai suficientes existencias no mercado. Estes elementos de protección xa empezaron a distribuírse entre as persoas usuarias do SAF e a intención municipal é achegar alomenos un por domicilio para que poida ser empregado, por exemplo, por quen deba saír facer a compra ou calquera outro desprazamento imprescindible. Para solicitar unha destas mascarillas débese chamar ao teléfono do Concello -981 404 006- en horario de mañá ou ao móbil do programa de axuda, 639 417 975, entre as 9.20 e as 18.30h. Tamén se poden pedir a través das entidades veciñais e será o propio consistorio quen as entregue de balde en cada domicilio, con posibilidade de que se incremente a cantidade dispoñible nos próximos días.
Segundo explica Beatriz Bascoy, as máscaras de uso sanitario “están practicamente esgotadas e as que quedan deben destinarse ao persoal sanitario ou, no caso do Concello, ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e persoal de recollida de lixo”. A alcaldesa engade que o equipamento homologado co que se dotou a estes servizos esenciais “foi adquirido polo Concello desde o comezo da crise e está sendo proporcionado pola Consellería de Sanidade con envíos a cada pouco nos que veñen mascarillas e batas dun só uso coas que se van cubrindo as necesidades dos servizos municipais sen que sobre practicamente ningunha”.
Porén, tal e como insiste a rexedora, “entendemos que á veciñanza tamén se lle debe facilitar algún tipo de protección. As máscaras de tea de algodón e lavables non son de uso sanitario e non están homologadas, pero son unha opción para mitigar o contaxio e protexer”.
O Concello recibiu un total de 425 máscaras que tapan a boca e o nariz e que, ademais, dispoñen dun espazo aberto para introducir un filtro de plástico, de microfibra ou doutro material similar “que cadaquén pode facer na casa”.
O subministro é resultado “da solidariedade e a concienciación de moitas veciñas que levan días cosendo e que seguirán facéndoo mentres sexa necesario para axudar a frear a curva de contaxios”. Nese labor implicouse o grupo de costura da A.VV. Val de Moeche “Sandra López, Isa Lois, Fina Rego e María Painceiras, que achegaron 170 unidades e seguen facendo máis”. Canda elas, Luca Orjales e Toña Rodríguez, “que confeccionaron tamén 30 batas lavables para as traballadoras do SAF e para entregárllelas ás coidadoras da residencia de persoas maiores O Casón”.
No labor de costura participa tamén a Asociación veciñal de Labacengos, onde Rosa Méndez, Rocio Soto, Nélida Basanta e Luca Orjales “levan 90 máscaras feitas e seguen cosendo nelas”.
Por último, entre as contribucións veciñais “que o Concello agradece enormemente” cóntanse a achega de 12 máscaras por parte de Pilar Tuimil -quen forma parte dos Grupos de Apoio Mutuo da Coruña-, as 50 unidades proporcionadas pola Asociación Gandeira Prolega e outras 100 máscaras fabricadas pola empresa de confección María Barcia.
Desde o Concello xa se están disitribuíndo entre as persoas usuarias do SAF que as solicitaron e entregáronse aproximadamente 60 unidades na residencia O Casón. A partir de agora comezará o reparto das máscaras no resto dos domicilios de Moeche que o soliciten. Hai varias maneiras de facelo: chamando ao 981 404 006 pola mañá, contactando co móbil do programa de axuda -639 417 975- en horario de 9.20 a 18.30h. ou ben dirixíndose a calquera entidade veciñal do territorio para que llo fagan saber ao Concello.
En cada domicilio solicitante entregarase “por agora” unha máscara lavable, dándolle prioridade “a persoas que vaian facer a compra, que deban ir á farmacia ou facer outros desprazamentos imprescindibles e que convivan con algún grupo dos denominados de risco, como son anciáns, persoas con doenzas respiratorias ou inmunodeprimidas”. O Concello recorda como se deben utilizar:
As máscaras deben lavarse en auga a 60 graos e deixalas secar ben antes de usalas.
Logo cómpre pasarlles o ferro e introducir o filtro que se vaia usar (serve unha peza de plástico flexible cortada á medida, por exemplo dunha carpetiña de gardar folios, ou tamén un pano de microfibra).
Ao poñela e quitala deberemos lavar ou desinfectar ben as mans.
Se pode ser, retirala con luvas postas, quitarlle o filtro e tiralo no colector xenérico.
A máscara é de uso individual, nunca debe compartirse sen antes lavala a 60 graos e recordando cambiarlle o filtro.
Se o filtro é reutilizable tamén se deberá lavar en auga quente ou desinfectarse con lixivia ou alcol.
A distribución destas mascarillas é unha medida que desde o Concello se considera “urxente e necesaria” dada a escaseza de artigos homologados no mercado, que se destinan na súa práctica totalidade aos servizos sanitarios e básicos prestados polas administracións.
Ter unha mascarilla artesanal é mellor que non ter nada, sempre que a utilicemos correctamente e en combinación con todas as outras medidas recomendadas polas autoridades sanitarias:
Lavar as mans con frecuencia con abundante auga e xabón ou usar xel hidroalcólico
Non levar as mans á boca, ao nariz ou aos ollos se non están perfectamente limpas/desinfectadas
Tusir ou esbirrar en panos desbotables ou contra o interior do cóbado
Manter a distancia de 1.5 a 2 metros con respecto a outras persoas
E, a máis importante, quedar na casa e saír só para o imprescindible
Xa está na casa o veciño que dera positivo hai uns días
Moeche tamén viviu hoxe unha boa nova co regreso ao seu domicilio do home que dera positivo por coronavirus o pasado 26 de marzo. Como se recordará, o home de idade avanzada foi trasladado de urxencia ao CHUF Arquitecto Marcide por outra doenza e foi alí onde se lle detectou que, ademais, tamén estaba contaxiado do virus.
Os servizos médicos acaban de darlle a alta e, segundo informa a familia, encóntrase no seu domicilio, está ben de saúde e gardando a preceptiva corentena de 14 días.