Friday 22 de November de 2024

O concello vese obrigado a realizar unha reparación de urxencia nun sumidoiro da avenida das Conchiñas


 

A intervención de emerxencia nesta tubaxe, que estaba rota e esmagada e ten que ser substituída por unha nova, comezou ás 8.00 h desta mañá e está previsto que se prolongue varias semanas debido á gravidade da incidencia

A Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade
informa de que esta mañá os técnicos municipais de Infraestruturas tiveron que realizar
unha reparación de urxencia nun sumidoiro da avenida das Conchiñas.
Os labores de reparación comezaron ás 8.00 h desta mañá e está previsto que se
prolonguen varias semanas debido á gravidade desta incidencia. Segundo o persoal
técnico, a tubaxe da rede de saneamento estaba rota e esmagada, polo que resultaba
imposible que a auga correse por ela. Deste xeito, abriuse unha gabia e estase substituíndo
a tubaxe danada por unha nova de PVC.
Desde a concellería quérenlle trasladar á veciñanza unha mensaxe de tranquilidade posto
que, tal e como ditamina o estado de alarma decretado polo Goberno central, as obras da
cidade están paralizadas, salvo intervencións de urxencia, como é o caso desta reparación
na avenida das Conchiñas.