No último pleno provincial aprobouse unha achega para a DP 4909, en Moeche
A Deputación da Coruña, a través do seu Plan de Conservación de Vías Provinciais investirá outros 629.316,76 euros en melloras nas estradas da provincia.
Trátase da sexta fase deste plan, que nesta ocasión inclúe unha obra no municipio de Moeche, na estrada DP 4909. Dende o punto quilométrico 2,2 ao 6,9 pavimentarase o viario con mestura asfáltica en quente e se abrirán as cunetas a ambas marxes do tramo, incluíndo a roza de noiros e a formación de beiravías.
O proxecto contempla a renovación da sinalización co pintado do eixo da estrada, beiravías e símbolos de velocidade, ademais de pasos de cebra e a instalación de sinais verticais que inclúen paneis direccionais. O orzamento para este proxecto é de 304.282,64 euros.
Seis quilómetros de reforma
Por outra banda, na comarca da Coruña, reforzarase o firme da DP 0105 de Cortiñán a Vialcoba do punto quilométrico 0 ao 5,780. Polo tanto, beneficiará aos concellos de Bergondo, Betanzos e Abegondo.
Este viario precisa dunha reforma xa que, como consecuencia dos temporais do pasado inverno e o aumento do tráfico nesta estrada, detectáronse deficiencias no pavimento que agora se verán resoltas co reforzo do firme e a nova sinalización de marcas viarias na calzada, así como as sinais verticais para mellorar a seguridade de circulación en todo o tramo. O orzamento neste caso é de 325.034,12 euros.