Friday 22 de November de 2024

Son autónomo, teño unha empresa… ¿que poido facer para capear a crise?


O Concello de San Sadurniño publica unha pequena guía das medidas laborais relacionadas coa crise sanitaria
A actual crise sanitaria trouxo canda si un desastre económico e para o emprego que, polo de agora, ninguén pode cuantificar nin en cartos nin en repercusións de cara ao futuro. Desde o pasado 15 de marzo en que se decretou o Estado de Alarma, o Goberno central foi publicando case a cada día distintas medidas para conter o virus, pero tamén para amortecer os seus efectos sociais. Desde aquela, no BOE hai unha chea de ordes relativas ao emprego que é difícil atopar todas xuntas e cunha certa estruturación que nos permita saber por onde debemos tirar se somos traballadoras autónomas, se temos unha empresa que dá emprego a outra xente ou se somos persoas empregadas por conta allea. Por iso, o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, mergullouse en toda esa normativa para elaborar unha pequena guía onde quizáis non estea todo, pero si o máis importante. Lembrade que, ante calquera dúbida, podedes acudir a el chamando ao 981 490 027.

A – MEDIDAS DE CARÁCTER XERAL

1.Interrupción dos prazos administrativos
Dende o 15 de marzo de 2020 quedan suspendidos os prazos para a tramitación dos procedementos de todas as entidades do sector público, tanto do Estado, como das Comunidades Autónomas ou dos concellos. O cómputo dos prazos reiniciarase no momento en que perda vixencia o acordo do Estado de Alarma ou, se é o caso, as prórrogas deste. Tamén quedan suspendidos os prazos de prescrición e caducidade de calquera acción e dereito durante o prazo de vixencia do estado de alarma e, se é o caso, das prórrogas que se adoptaren.

2.Medidas excepcionais xenéricas

Haberá moratoria ou axudas para os arrendamentos de vivenda habitual en situación de vulnerabilidade económica.
Moratoria hipotecaria e de créditos ao consumo para as persoas en situación de vulnerabilidade económica.
Prorroga automática dos contratos de arrendamento de vivenda habitual.
Acceso aos dereitos consolidados nos plans de pensións cando o titular estea en desemprego ou cese a súa actividade laboral.
Amplíase o colectivo de potenciais perceptores do bono social de electricidade.
Non poderá suspenderse a subministración enerxética e de auga a consumidores domésticos na súa vivenda habitual.
As persoas consumidoras poderán resolver os contratos cuxa execución sexa imposible como consecuencia da aplicación do estado de alarma, durante un prazo de 14 días.
Nos contratos de tracto sucesivo, paralízase a cobranza de novas cotas ata que o servizo poida volver a prestarse con normalidade, sen que haxa unha rescisión do contrato.
B – MEDIDAS NO ÁMBITO DO EMPREGO

1. Subsidio para empregadas do fogar afectadas polo cesamento ou redución de actividade, que han de cumprir os seguintes requisitos:

Estar dada de alta na Seguridade Social no réxime de empregadas do fogar con anterioridade ao 14 de marzo de 2020.
Deixar de prestar servizos total ou parcialmente, de forma temporal para reducir o risco de contaxio por causas alleas á súa vontade, acreditado polas persoas empregadoras mediante unha declaración responsable, ou extinguirse o contrato por despedimento ou desistencia por causas derivadas do Covid-19, acreditado coa carta de despedimento ou a baixa na Seguridade Social.
Contía do subsidio: o 70% da base reguladora da S.S, no caso de que a perda de actividade sexa total, co limite do SMI sen pagas (970 €). Se a perda de actividade é parcial, a contía será a proporcional á redución porcentual da xornada. Se son varios os traballos, opérase da mesma forma proporcional a cada emprego, co límite do SMI. O subsidio percibirase mensualmente dende a data da redución parcial ou total da xornada ou dende o despedimento ou desistencia, recoñecéndose os efectos retroactivos como máximo ata o 14 de marzo.

Este subsidio é compatible con outros ingresos por conta propia ou allea, sempre que non superen, en conxunto, o SMI agás co subsidio por incapacidade temporal ou coa cobranza do Permiso Retribuído Recuperable. En todo caso, o SEPE dispón dun mes para establecer o procedemento. Mentres tanto aínda non se pode solicitar.

2. Subsidio para persoas traballadoras temporais cando finalice o contrato e que non tivesen dereito a prestación:
Persoas traballadoras ás que se lles extinguiu con posterioridade ao 14 de marzo de 2020 un contrato de duración determinada de, polo menos, dous meses de duración, e que non teñan cotizacións dabondo para ter dereito a un subsidio ou prestación por desemprego e carezan de rendas superiores ao 75% do SMI.

Será incompatible coa percepción de calquera renda mínima, renda de inclusión, salario social ou axudas análogas concedidas por calquera Administración pública.

Contía: axuda mensual do 80% do IPREM (430,27 €).

Duración: será dun mes, ampliable se así se determina por Real Decreto-Lei.

Solicitude: en prazo de 10 días dende que o SEPE aprobe o procedemento de solicitude, polo que aínda non se pode solicitar.

3. Permiso retribuído recuperable:
As empresas que non realicen actividades esenciais deberán cesar e darlle ao cadro de persoal un permiso retribuído de carácter obrigatorio, entre o 30 de marzo e o 9 de abril de 2020, ambos incluídos. A persoa traballadora percibirá o seu salario e complementos, como se estivese a traballar, asumindo a empresa o custo.

A persoa traballadora recuperará as horas de traballo non prestadas dende que finalice o estado de alarma e ata o 31 de decembro de 2020, previa negociación coa representación legal do persoal. As empresas poderán establecer o persoal mínimo ou as quendas imprescindibles, co fin de manter a actividade indispensable.
En todo caso, o permiso retribuído non afectará:

Ás persoas que poidan seguir traballando mediante teletraballo ou de modo non presencial
Ao persoal das empresas que solicitasen ou estean a aplicar un ERTE durante a vixencia do permiso retribuído recuperable
Ás persoas traballadoras que se atopan de baixa por incapacidade temporal ou cuxo contrato estivese en suspensión por outras causas legalmente previstas
Os sectores esenciais están recollidos no artigo 10.1 do RD 463/2020: Establecementos comerciais, comerciantes polo miúdo de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade, farmacias, establecementos sanitarios, clínicas veterinarias, ópticas e produtos ortopédicos, produtos hixiénicos, prensa e papelería, combustibles, estancos, equipos tecnolóxicos e telecomunicacións, alimentos para animais, comercio por internet, telefónico ou correspondencia, tinturerías, lavanderías ou barbería a domicilio

4. Aspectos xerais:
Non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril de 2020. O pago das prestacións e subsidios por desemprego xa recoñecidos adiantarase unha semana, polo se cobrarán a partir do día 3 de abril. No caso de querer solicitar unha prestación ou subsidio, será precisa contactar telefónica ou telematicamente coa Oficina de emprego de referencia.

Ademais, hai estoutras consideracións que debemos ter en conta se estamos no paro:

Quedan suspendidas as citas presenciais de orientación laboral.
Quedan aprazadas, mentres dure a suspensión, as actividades de formación profesional para o emprego
Se é unha persoa perceptora de prestacións ou subsidios por desemprego durante este período, a súa demanda permanecerá en alta sen necesidade de renovala. Nomeadamente non se interromperá o pago dos subsidios pola falta de presentación da Declaración Anual de Rendas (DAR) no caso do subsidio para maiores de 52 años.
As persoas que entren nun ERTE non terán que tramitar nada, será directamente a empresa quen o faga diante do SEPE
Como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, as oficinas de emprego están pechadas ao público, pero continúan ofrecendo os seus servizos de maneira telefónica e telemática. Para a xente de San Sadurniño, a oficina de referencia é a de Esteiro, que atende no teléfono 881 930 253 e no correo oficina.emprego.ferrol.esteiro@xunta.gal

C- MEDIDAS DE APOIO ÁS EMPRESAS E ÁS PERSOAS AUTÓNOMAS

1.Medidas de apoio ás persoas traballadoras autónomas
A principal medida é a moratoria no pago das cotizacións á Seguridade Social, atendendo a excepcionais circunstancias, nos casos e condicións que se determinen mediante Orde ministerial. Ademais, o pagamento das cotizacións de maio, xuño e xullo pode aprazarse durante seis meses sen xuros. No caso da cota de abril, tanto PEMES como autónomos e autónomas poderán solicitar o aprazamento, pero cun xuro reducido do 0,5%. Calquera débeda coa Seguridade Social que houbese previamente posponse ata o 30 de xuño.

Ademais disto, as persoas que traballen por conta propia e as PEMES poderán flexibilizar os contratos de subministración enerxética:

Sen ningún tipo de custo poden suspender temporalmente os seus contratos de subministración de electricidade ou modificalos, permitindo o cambio de peaxe de acceso e o axuste da potencia contratada.
Na subministración de gas natural permítese axustar a capacidade contratada ás súas necesidades reais, cambiar a peaxe de acceso ou, mesmo suspender temporalmente o contrato, tamén sen custo.
Pódeselle solicitar tamén ás comercializadoras que durante o estado de alarma suspendan as facturas de electricidade, gas natural e outros produtos derivados do petróleo, que logo se poderán satisfacer nos seguintes seis meses.
2. Prestación extraordinaria para persoas traballadoras autónomas
As persoas autónomas poderán acollerse a unha prestación que chegará ao 70% da base reguladora, sempre que se cotizase un mínimo de 12 meses antes da declaración do estado de alarma. As que cotizasen por menos tempo recibirán unha cantidade equivalente ao 70% da base mínima de cotización do colectivo ao que pertenzan, cun mínimo de 661€.

Esta prestación terá unha duración de un mes, aínda que se poderá ampliar até o último día do mes en que conclúa o estado de alarma. Durante ese tempo non será necesario cotizar á Seguridade Social -non haberá que pagar “autónomos”-, aínda que contará como cotizado na vida laboral. Tampouco se perderán as posibles bonificacións das que se estivese desfrutando, como por exemplo a Tarifa Plana de autónomos. Os requisitos para solicitar a prestación son:

Estar de alta no Réxime especial na data de declaración do estado de alarma
Estar afectado/a polo peche do negocio debido á declaración do estado de alarma ou que a facturación no mes de marzo diminuíse alomenos un 7% con respecto á media do semestre anterior.
Estar ao corrente do pagamento de cotas á Seguridade Social. No caso de que non se cumpra este último requisito haberá un prazo de 30 días para ingresar as cotas pendentes.
Tamén poden pedir a prestación as persoas autónomas que teñan persoal contratado
Prazo: A prestación pode solicitarse até o 14 de abril, aínda que este límite podería ampliarse no caso de que se prorrogue o estado de alarma.

Solicitude: Deberase dirixir por vía telemática á entidade xestora -mutuas, o Instituto Social da Mariña ou o Servizo Público de Emprego Estatal-, que habilitaron formularios nas súas páxinas web para descargar a solicitude e achegar a documentación precisa para facer o trámite.

3. Apoios á Industria
As empresas concursadas poderán acceder a un ERTE, cando fosen afectadas pola situación derivada da COVID-19. Durante un prazo de dous anos e medio poderanse refinanciar os préstamos outorgados pola Secretaría Xeral de Industria e PEME.

Procederase á devolución do abonado polas empresas en eventos organizados por ICEX.Suspéndense durante un ano o pago de xuros e amortizacións dos préstamos concedidos pola Secretaría de Estado de Turismo no marco dos Programas Emprendetur.

4. Fases de xestión dun ERTE por causas económicas, técnicas ou organizativas

erte1

5. Fases de xestión dun ERTE por causa maior

erte3

D- AXUDAS DA XUNTA DE GALICIA PARA EMPRESAS

Alén da normativa estatal coa que se pretenden reducir os efectos da crise sanitaria sobre o emprego e o tecido produtivo, a Xunta de Galicia tamén habilitou as seguintes liñas

1. Inxección de capital para o tecido empresarial, con especial atención a autónomos e pemes, a través dunha liña de financiamento que permita mobilizar 250M€. Máis información aquí.

2. Aprazamento das cotas de amortización e xuros da liquidación de todos os préstamos formalizados coa Xunta de Galicia, que mobilizan 265 millóns e euros. Máis información aquí.

3. Unha liña de financiamento dotada con 10 millóns de euros para a reestruturación de procesos produtivos nas empresas, de cara a fabricar equipos de protección e desenvolver solucións innovadoras para combater o coronavirus. Máis información aquí.
A Xunta puxo en marcha un teléfono para consultas relacionadas co ámbito laboral ou empresarial debido á actual situación: 900 815 600 (De luns a venres, de 08:00 a 18:00 h). Sobre estes e outros aspectos tamén hai información no Servizo público de emprego (SEPE). E tamén se pode contactar co Axente de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, a través do teléfono do Concello, 981 490 027.