Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene analiza a situación do tecido laboral de cara a impulsar medidas económicas que axuden a paliar os efectos da crise sanitaria


O coronavirus paralizou por completo o país, provocando un freazo en seco do tecido productivo e unha máis que segura perda de empregos. Por iso dende a concellería de Formación e Emprego de Fene levan varios días contactando coas empresas de todos os sectores para coñecer de primeira man como lles está afectando o Estado de Alarma e, sobre todo, para ter unha aproximación á realidade o máis certeira posible dos principais problemas e preocupacións que pesan sobre o tecido laboral do municipio. A partir de aí, o Concello ten previsto aplicar medidas de tipo económico coas que se pretende minimizar o impacto da crise sobre o emprego. Neste sentido estúdanse fórmulas legais que permitan axudar a pemes e autónomos durante o tempo en que os pequenos negocios deban estar pechados. Por outra banda, e en coordinación con Viaqua -empresa concesionaria da rede de abastecemento e sumidoiros-, ampliarase ata os 90 días o período de pagamento voluntario dos custes fixos do recibo. Ademais, tan pronto se restableza a normalidade, tamén se levarán adiante programas formativos e de dinamización comercial que axuden a acelerar a recuperación.

Segundo informou o titular de Facenda, Manuel Polo, “as medidas económicas que se leven a cabo deben ser aplicables e realistas. Estamos vendo na prensa un día si e outro tamén como algúns concellos anuncian supresións de impostos e taxas que semellan máis anuncios publicitarios que medidas efectivas. Nunha crise destas dimensións, que tamén lle afecta aos concellos, temos a obriga de actuar con responsabilidade e non lanzar brindes ao sol de difícil aplicación práctica, aínda que, obviamente, os concellos tamén debemos mirar a maneira de aliviar no que poidamos a carga económica que soportan nestas circunstancias as pequenas empresas, as persoas autónomas e as familias”.

En consecuencia con esa visión -e como primeiro paso-, a área de Formación e Emprego, dirixida por Cristina García, centrou boa parte dos seus esforzos nos últimos días en atender consultas e dúbidas sobre as restricións de actividades e as distintas medidas publicadas polo Goberno do Estado para compensaro golpe da COVID-19 sobre a economía e o emprego. Porén, o departamento municipal tamén contactou cos principais sectores do municipio de cara a diagnosticar a situación real do tecido produtivo local.

Estaleiro e Vilar do Colo
Así, o sector do metal atópase na actualidade paralizado no estaleiro. Empresas como Nervión optaron polo ERTE para 300 operarios mantendo o teletraballo para tan só 13 persoas, mentres que Windar lle deu vacacións á súa plantilla desde o inicio do Estado de Alarma e, dende o luns, o permiso retribuido recuperable decretado ata o próximo 9 de abril.

O polígono Industrial de Vilar do Colo tampouco rexistra apenas actvidade. Salvo as empresas que funcionan baixo mínimos con teletraballo, a maioria permanecen pechadas. Noa Madera Creativa, que mantiña tres quendas a baixo rendemento, aplicou desde o luns a figura do permiso retribuido recuperable. No polígono só se ve movemento nas empresas de servizos denominados esenciais. Alí e no resto do concello seguen abertos os talleres mecánicos atendendo urxencias e con moita menos clientela da habitual, “vivindo unha complicada situación na que non saben canto van poder aguantar co persoal”. As estacións de servizo modifcaron os seus horarios (pechando ao mediodía e ás oito da tarde) pero, segundo soubo o Concello, “están termando dos postos de traballo a pesar de que o tránsito de vehículos para repostar é escaso”.

As empresas de limpeza manteñen a maioria a actvidade baixo mínimos xa que están afectadas indirectamente polo decreto de cesamento de actvidade en moitos dos negocios para os que traballaban. Prevén solicitar ERTES ou permisos retribuidos para o persoal nos vindeiros días.

No ámbito do transporte, os taxis en Fene funcionan en servizos mínimos. Realizan rotacións de garda e o tempo váiselles en trasladar a algún veciño ao médico ou facer a compra. “Coma o resto de pequenos negocios abertos pero sen clientela, eles tamén teñen unha situación moi complicada sendo autónomos e algún tendo un empregado ao cargo”, apunta Cristina García.

Clínicas e residencias de persoas maiores
Canda os establecementos de alimentación, farmacias e outros puntos de venda de produtos básicos, tamén cómpre sinalar servizos esenciais como ópticas, clínicas dentais, de podoloxía e fisioterapia. Abren só para as urxencias e con cita previa. As ópticas eliminaron o servizo de graduación da vista por careceren de equipamento de protección individual e a súa actividade limítase á venda de lentillas ou ao axuste de lentes. As clínicas dentais, podolóxicas e de fisioterapia están en idénticas circunstancias, “coa intertidume de que se acepten os ERTES dos empregados, xa que o Estado podería denegárllelos por non atoparse entre as actividades obrigadas a pechar”, sinala García apuntando ademais que este tipo de negocios terían que facer fronte aos salarios dos traballadores “a pesar de que a Xunta e os seus respectivos colexios profesionais lles aconsellan pechar”. Como problema engadido tamén teñen a carencia de luvas e outros elementos de protección despois de doárllelos ao SERGAS por petición do Goberno autonómico.

En relación coa atención ás persoas maiores, desde o Concello constatouse que os Centros de Día privados -Afago e Xuntanza- permanecen pechados (un deles ía comezar a actividade en breve) dende o comezo do confinamento. “Aguantan pero con moitos problemas polos pagos aos que teñen que facer fronte. Son demasiadas facturas e cero ingresos, as axudas son mínimas e trasladáronnos que non hai demasiada información ao respecto”.

A residencia de anciáns Resanes, situada en Perlío, traballa con normalidade. Iso si, teñen falta de EPIS para as traballadoras, que contan unicamente con mascarillas doadas polo Concello de Fene. Teñen protocolo específco ante a COVID-19.

O pequeno comercio, o máis afectado
A situación máis crítica vívese nos establecementos con actividades non esenciais que tiveron que pechar, como son os bares, restaurantes e tendas de roupa, entre outros. Desde a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos de Fene “O Cruceiro” manifestáronlle ao Goberno local que a situación pola que atravesa a pequena e mediana empresa “é moi complicada”, segundo asegura Cristina García. “Existe moita incertidume pola falla de información e temen que cando remate a alerta sanitaria sexan moitas as empresas que non poidan retomar a actvidade”.

Ademais da falla de ingresos, os negocios acusan os gastos que deben soportar: electricidade, gas, alugueres, declaracións trimestrais do ive, o recibo de autónomos cargado a finais de marzo, etc, e a acumulación de mercadorías xa pagadas ou financiadas ás que non puideron darlles saída polo precipitado das medidas de peche.

Outras actividades afectadas son as das academias, pechadas desde o 15 de marzo, e as perruquerías, que só poden traballar a domicilio e para servizos hixiénicos imprescindibles despois de que inicialmente si se autorizase a súa apertura. Na maioría dos casos, igual que noutros sectores, teñen tramitadas as axudas dirixidas a persoas autónomas e solicitados ERTES para os empregados e empregadas.

Por último, nesta repaso ao tecido produtivo e laboral fenés, o Concello verificou que as axencias de viaxes -outra das actividades que se verá seriamente prexudicada- están a funcionar con teletraballo, aínda que unicamente para atender devolucións, reclamacións ou cancelacións de viaxes xa contratadas.

Medidas que porá en marcha o Concello
Ante esta problemática, o Goberno Municipal vai actuar con medidas “que supoñan un alivio ao desgaste económico que están a soportar as pequenas e medianas empresas do concello”, asegurou Cristina García.

Entre as accións propostas para paliar esta situación de crise están a de buscar fórmulas compensatorias para, entre outros recibos, o do lixo e o imposto das terrazas. Por outra banda, segundo recordou o titular de Facenda, Manuel Polo, Viaqua tamén ampliou de 60 a 90 días o período de pagamento voluntario dos recibos da auga e saneamento. A concesionaria comunicoulle ao consistorio a suspensión de “calquera acción de reclamación de débeda ou de cortes de subministración”, algo que xa se viña aplicando antes ás persoas en situación de vulnerabilidade e que agora se amplía a todas as usuarias do servizo. Na mesma liña sinala que o financiamento ou aprazamento de facturas “para os colectivos que presenten dificultades de pago na actual situación” se facilitará sen xuros.

Nestes intres Viaqua suspendeu as lecturas dos contadores e aplicaralles unha estimación de consumo “cero” a todos aqueles clientes que figuren na base de datos como comerciais ou industriais. Máis adiante, cando se restableza a normalidade e se retomen as lecturas, compensaranse os excesos ou defectos facturados, tendo en conta que hai empresas que si poden seguir funcionando.

En calquera caso, e segundo avanza Polo “todas as medidas que se adopten, que poden ser máis e de maior calado dentro das posibilidades do Concello e do que permita a lei de facendas locais, haberá que dimensionalas de acordo coa duración da crise e os momentos difíciles que vivirá despois a economía local”.

O concelleiro lembrou tamén que os concellos integrados na Mancomunidade “están traballando para levar adiante medidas coordinadas” para darlle unha resposta “unitaria e coincidente en todos os municipios” ás repercusións económicas da crise sanitaria. Polo avoga por unha acción que, sexa como for, “debe orientarse ao emprego e á economía das familias”.

Desde o Executivo local engádese que o Concello traballa xa no deseño dun programa de dinamización “de todo o tecido produtivo do municipio” de cara a reforzar o consumo interno “tan pronto como se levanten as medidas de confinamento e as restricións para a actividade da hostalaría e outros negocios”. Estas accións quérense complementar cun Plan de emprego municipal e coa potenciación da formación ocupacional.