A iniciativa da Fundación María José Jove, #cartasconalma, recollerá o material que proceda do traballo coordinado entre o Concello e os centros educativos para facer entrega no centro sanitario coruñés.
O Concello de Malpica convoca á rapazada do municipio para enviarlle debuxos e cartas ás persoas ingresadas por COVID-19 na área sanitaria da Coruña. A iniciativa da Fundación María José Jove, #cartasconalma, permitirá a recollida do material para facer entrega no centro sanitario coruñés.
Así, dende o Concello queremos colaborar con esta bonita iniciativa, que permitirá achegar ánimos dende a distancia ás persoas que están a sufrir o coronavirus. A temática é libre, así como o seu formato. . Tan só teñen que transmitir unha mensaxe de ánimo para contribuír nesta crise sanitaria provocada pola expansión do COVID-19.
A través da coordinación cos diferentes centros, poden remitirse as obras ata o 24 de abril como data límite, indicando o nome, idade e o centro onde estuda o/a alumno/a.
A concelleira de Educación, María Álvarez, admite que “era imposible non sumarse a esta iniciativa. Si cun pequeno xesto podemos contribuír a axudar a aquelas persoas hospitalizadas por coronavirus, que ninguén dubide que o imos facer”, apunta a edil.
Pola súa banda, o alcalde, Walter Pardo, anima a “todas as crianzas de Malpica a colaborar nesta marabillosa idea, para que en nome de todos, lles fagan chegar esas mensaxes de “non estades sós e soas”, subliña o alcalde.