En colaboración coa asociación CIMEGA, as e os coruñeses poderán resolver de
forma confidencial problemas de carácter persoal, veciñal ou laboral, a través de
persoas mediadoras deste colectivo, que as/os atenderán no teléfono 010
A Coruña, 3 de abril de 2020.- A Concellería de Benestar Social pon en marcha, en
colaboración coa asociación Círculo de Mediación de Galicia (CIMEGA), un servizo
telefónico gratuíto de mediación de conflitos derivados da situación de confinamento. Por
mor da crise orixinada pola pandemia do Covid-19 e do estado de alarma decretado polo
Goberno, as persoas están sufrindo cambios nas súas relacións persoais, familiares,
veciñais, laborais e empresariais que xeran problemas na convivencia e que dificilmente se
poderán resolver, se non é mediante mecanismos alternativos.
O servizo é totalmente confidencial e non ten custo ningún. Prestarano persoas mediadoras
asociadas a CIMEGA, que contribuirán desinteresadamente na atención dos conflitos que
se produzan durante a crise sanitaria.
Poderanse tratar desde disputas no ámbito doméstico entre familiares ou entre nais e pais
separados das súas fillas e fillos até posibles discusións dentro das comunidades de
veciñas/os ou entre particulares, pero tamén no eido laboral e empresarial. Esta nova
alternativa xestionarase a través do teléfono de información 010.