Friday 22 de November de 2024

Ordes prepárase para recibir un ano máis aos Reis Magos de Oriente na cabalgata máis importante da comarca


Máis de 100 figurantes participarán na cita, na que tamén haberá un Belén vivente. Entregaranse agasallos e caramelos aptos para celíacos e diabéticos

Un ano máis a vila de Ordes prepárase para recibir a visita de Melchor, Gaspar e Baltasar nunha xornada marcada pola ilusión e a emoción dos máis novos. A tradicional cabalgata terá lugar o vindeiro luns a partir das 17 horas, momento na que está prevista a chegada das SSMM Os Reis Magos de Oriente en carruaxes tiradas por ponis e escoltadas por membros da súa garda persoal. Serán máis de 30 lanceiros, moitos dos cales acudirán a lombos dos seus cabalos.

Para unha ocasión tan especial o Concello conta coa participación e colaboración de máis de 100 figurantes entre pastoriños, anxos e moitos máis personaxes. Eles serán os encargados de ir repartindo dende as súas carruaxes especialmente engalanadas para a ocasión caramelos aptos para celíacos e diabéticos.

O programa previsto inclúe a benvida ás SSMM por parte do alcalde, Manuel Regos, e dos demais membros do seu equipo de goberno. Inmediatamente visitarán o gran Belén vivente na carpa especialmente instalada para a ocasión na Alameda. Alí agardaranlles escenas típicas, oficios tradicionais como ferreiros, panadeiros, labregos etc. Tamén haberá currais con animais exóticos, aves e gando como porcos, burros, galiñas, coellos, cisnes, cabras, canguros ou pavos reais entre outros. Os pastoriños e pastoriñas interpretarán un repertorio composto de panxoliñas e cancións propias desta época do ano, mentres Melchor, Gaspar e Baltasar farán entrega dos seus presentes a San Xosé, á Virxe María e ao neno Xesús. Posteriormente recibirán individualmente a cada neno e nena, que poderán lembrarlles os agasallos que pediron este ano ou, no caso de non telo feito aínda, entregarlles as súas cartas ademais de fotografarse con eles.

Para levar a cabo esta cita tan importante, sobre todo para os máis novos, contarase tamén coa colaboración dun amplo número de persoas que brindan o seu esforzo de maneira altruísta. Grazas a todos eles, así como a diversas firmas comerciais, asociacións e establecementos da zona, Ordes celebrará novamente a cabalgata máis importante de toda a comarca, que o ano pasado congregou arredor de 5.000 asistentes.

Corte de tráfico
Para o correcto desenvolvemento do acto e para que todos e todas poidan darlles a benvida aos Reis Magos tal e como merecen, a Policía Local cortará o tráfico na rúa Alfonso Senra dende as 16 ata as 21 horas. Os vehículos en dirección á Coruña desviaranse polas rúas Lagartos, Galicia e Rolda Leste, mentres que os que vaian cara a Santiago terán que circular polas rúas Rosalía de Castro, Lagartos e pola Rolda Leste.