Desde o comezo da crise sanitaria e das medidas para conter o avance do coronavirus -hai xa máis de dúas semanas que nos están parecendo unha eternidade- os concellos e todas as demais administracións tiveron que reorganizarse co obxectivo de manter un funcionamento o máis normal posible e de poñer en marcha accións preventivas, sen descoidar a atención ás persoas máis vulnerables, sobre todo as usuarias do SAF, as familias en risco de exclusión social e aquelas que reciben distintos tipos de apoio dos Servizos Sociais, da Educadora Familiar e da Técnica de Igualdade. A situación está cambiando a cada día e tamén os seus efectos, por iso o Concello lembra que o teléfono 981 490 027 non só está para facer trámites e consultas, senón tamén para avisar se se ten algunha necesidade urxente -alimento, medicinas, produtos básicos, etc.- ou se sabe de algún veciño ou veciña que poida tela. Ese teléfono tamén está para solicitar outro tipo de axuda, relacionada coa soidade, coa ansiedade ou con calquera problema que nos poida estar causando ter que vivir nunha situación de confinamento. Incluso para poder escoitar outra voz se non temos ninguén con quen falar.
A asistencia do persoal municipal especializado está coordinada coa que ofrece a Xunta de Galicia a través do teléfono de acompañamento 900 400 800, que funciona entre as 8 da mañá e as 8 do serán durante os sete días da semana.
Nese teléfono gratuíto resolven dúbidas básicas relacionadas coa COVID-19 (para síntomas hai que chamar ao 900 400 116) e tamén se pode solicitar apoio psicolóxico especializado. Ademais, as persoas que chamen para informar sobre posibles casos de especial vulnerabilidade e emerxencia social, sexan propios ou alleos, son analizados pola Consellaría de Política Social e, se é necesario, son derivados de inmediato aos Servizos Sociais municipais.
Porén, o máis próximo e inmediato é chamar ao Concello marcando o 981 490 027 -de 9 a 14.00h.- para pedir axuda ou informar de quen pode estala necesitando por distintos motivos: porque non se vale por si, porque se encontra nunha situación precaria, etc. Tal e como explica Secundino García, a área de Servizos Sociais “fai un seguimento exhaustivo de todos os casos dos que ten coñecemento, ben porque teñen solicitado algún tipo de asistencia ou ben porque son as profesionais do servizo quen detectan esas circunstancias de vulnerabilidade. Pero nas actuais circunstancias poden darse novas situacións que precisen axuda social e o Concello está aquí para ofrecela dentro das súas posibilidades”.
O alcalde sinala tanto a asistencia directa a persoas sen recursos -merca de alimentos, produtos básicos ou medicinas- como a aquela de tipo emocional que poidamos precisar por culpa das actuais circunstancias. E é que o coronavirus é perigoso para a saúde, pero tamén para o noso propio equilibrio persoal. En San Sadurniño a cousa vaise levando máis ou menos ben porque somos un concello rural onde hai moita xente que pode andar arredor da casa e manterse entretida. Pero tamén hai quen non poden saír por vivir nun piso ou por razóns de mobilidade e que, se cadra, están levando o confinamento con moita angustia. Quen se encontren nesa situación deben saber que o Concello ten profesionais aos que sempre poden recorrer para que lles axuden a manexar a situación. É máis, “calquera persoa que viva soa, que non teña veciños ou familiares para se relacionar e precise falar con alguén, insisto, simplemente falar do que sexa, escoitar outra voz… tamén pode chamar ao teléfono do Concello”, comenta o rexedor.
Secundino García referiuse ademais aos posibles casos de maltrato e a como actuar se somos coñecedores de algún episodio de violencia de xénero. “A incertidume e o confinamento crean un escenario novo e perigosísimo para que se reproduza a violencia de xénero e familiar. Convivir co maltratador durante todo o día é unha dificultade engadida para que as mulleres poidan dar o paso de denunciar. Por iso temos que estar moi alerta para poñer en coñecemento da Garda Civil calquera caso que se produza no noso entorno”.
Desde o Concello recórdase que o teléfono 016 está operativo as 24 horas do día e 7 días á semana para atender calquera tipo de violencia contra da muller. Ese teléfono non deixa pegada na factura e activa de inmediato os protocolos de atención, protección e acompañamento tanto ás vítimas como aos seus fillos e fillas. Por suposto, calquera muller que sufra maltrato pode -e debe- pedirlle ao persoal especializado do Concello. Algo que pode facer chamando ao 981 490 027.
Repetimos outra vez: permanecede na casa
Hai que respectar o confinamento. E iso significa que nin nós podemos saír, nin tampouco que nos veñan visitar á casa familiares ou amizades que, en teoría, tamén deben permanecer nos seus domicilios. Por outra banda, só podemos saír da casa por razóns imprescindibles e xustificadas: ir ao médico se temos cita concertada -só se no Centro de Saúde consideran que debemos pasar por alí-, ir buscar medicamento á farmacia e facer compras de produtos básicos: alimentos, produtos de hixiene e limpeza, etc.
Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19 (cansanzo, febre, tose e/ou dificultade respiratoria), en primeiro lugar deberemos manter a calma e non acudir nin ao centro de saúde nin tampouco ao hospital. En vez diso hai que chamar ao 900 400 116 para que nos dean as indicacións precisas. Só en casos de síntomas máis graves ou outras urxencias deberemos chamar ao 061.