A veciñanza poderá subir as instantáneas a través do Instagram do festival e as mellores formarán parte dunha mostra colectiva en xuño, situada nun lugar emblemático
O Concello da Coruña súmase á convocatoria do Festival
Internacional de Fotografía e Artes Visuais PhotoESPAÑA, a través da cal a veciñanza
poderá explorar a súa creatividade e plasmala en instantáneas sacadas desde as fiestras. O
resultado de #PHEdesdemibalcón exporase no mes de xuño nunha mostra que se situará
nunha praza ou nun lugar emblemático da cidade e tamén nas súas balconadas. Deste
xeito, o festival quere homenaxear as persoas que tan grande esforzo están realizando
estes días por quedaren na casa. Estes elementos mediante os que as e os coruñeses se
asoman ao exterior para aplaudiren e conectárense co de fóra servirán, unha vez que pase
o confinamento, de soporte para albergar a selección de imaxes sacadas desde o interior.
A exposición poderase desfrutar durante o verán e desde a rúa. Para participar, unicamente
haberá que subir as fotografías a través de Instagram cos hashtags #PHEdesdemibalcón e
#PHE20. A páxina web do evento acollerá unha galería virtual coas mellores pezas gráficas
presentadas.
Ademais da Coruña, xa están tamén inscritos os concellos de Madrid, Alcalá de Henares,
Alcobendas, Segovia, Salamanca, Valladolid, Santander, Badaxoz e Sevilla, aos que se irán
sumando máis de cara a facer máis levadía esta corentena. Nestes momentos en que o
compromiso individual é decisivo, PHotoESPAÑA lanza un dobre chamamento. Por un
lado, a todas/os aqueles que desde as súas fiestras e balconadas observan o seu día a día,
para animalos a construíren un relato fotográfico co que expresaren a súa creatividade e
atoparen nel novas formas de comunicarse. E, por outro, queren convidar a que os
Nota de Prensa
consistorios do Estado convertan os espazos emblemáticos das súas urbes nun gran lenzo
en que amosaren as imaxes das persoas que viven neles.
Trátase de lle dar unha oportunidade á veciñanza para que comparta colectivamente e a pé
de rúa todas as miradas individuais.
Estas exposicións marcarán o inicio da vixésimo terceira edición de PHotoESPAÑA 2020,
que se desenvolverá na tempada estival até finais de setembro. A convocatoria estará
aberta até o 17 de maio e cada día, a organización subirá novas composicións á súa web.