Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Muxía traballa para garantir a cobertura en emerxencia social no caso da dilatación do estado de alarma


O alcalde, Iago Toba, garante a protección a todos os niveis, especialmente para os colectivos vulnerables, debido a que “non hai límite na consignación orzamentaria para casos de extrema emerxencia como o que vivimos”.

O Concello de Muxía incrementará as axudas en emerxencia
social para garantir a defensa dos colectivos máis vulnerables no caso de dilatarse o
estado de alarma. Así o garante Iago Toba, alcalde de Muxía, quen comenta que
“estamos en todo momento falando con intervención, e en casos de extrema
emerxencia como o que vivimos non existe límite na consignación orzamentaria.”
Isto traducirase, en todo caso, á cobertura a todos os niveis para que “as nosas veciñas
e veciños estean protexidas ante a crise sanitaria que estamos a vivir”, comenta o
rexedor.
Desde o consistorio trabállase a diario e sempre adaptándose ao contexto, pero iso non
impide que se estean a tomar medidas pensando no futuro, máis concretamente nunha
hipotética situación do aumento do período de alerta. Esta mañá tivo lugar unha
reunión para a coordinación dos servizos municipais no caso de que este estado de
alarma se extenda no tempo, entre o alcalde de Muxía, Iago Toba; o coordinador de
Protección Civil, Ramón Barrientos; a Policía Local con Alejandro Muíño á cabeza e
varios representantes da agrupación muxiá.
Polo tanto, servizos como a atención psicolóxica, de asesoramento a nivel
administrativo ou de reparto de produtos de primeira necesidade estarían cubertos no
caso de dilatarse no tempo esta situación extraordinaria.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, avisa de que “imos seguir traballando polo benestar da
nosa veciñanza. Estamos a facer un gran esforzo, a todos os niveis, porque é a nosa
responsabilidade. Ninguén vai quedar descuberto, aínda no caso de que esta situación
se extenda no tempo”, di o rexedor.