O goberno local fixo provisión deste tipo de material de protección individual
Ante a tardanza do envío de subministración de material de protección individual por parte
das administracións competentes, o Concello de Cariño decidiu facer unha
nova entrega de material pola súa conta entre as traballadoras do Servizo de Axuda
non Fogar e os profesionais do centro de saúde do municipio.
Grazas á colaboración do Concello con Makers Valdoviño e coa Asociación
Patchwork Cariño, o goberno local puido facer provisión de 50 pantallas de protección
facial e 125 máscaras de tea. Onte xa comezaron a entregarse estes equipos de defensa
aos traballadores sinalados anteriormente.
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, explicou que se decidiu facer a
entrega deste material en primeiro lugar ás auxiliares do SAF “xa que son o
colectivo profesional municipal que soporta un maior risco día a día” e aos
profesionais do centro médico “para que, como sucede no Hospital Arquitecto
Marcide, tamén dispoñan deste tipo de defensa”.
Alonso Pumar aclarou que continuarán coa repartición entre outros colectivos de risco
xa que “estamos á espera de recibir máis unidades nos próximos días para
entregar nas farmacias, tendas de repartición a domicilio e puntos de atención en servizos
básicos” porque “son fundamentais para levar a cabo o seu traballo con todas
as garantías de hixiene e prevención”.
Por último, quixo agradecer tanto a Makers Valdoviño como á Asociación Patchwork
Cariño “o seu apoio e o seu traballo totalmente desinteresado para cubrir unha demanda
realmente importante na crise sanitaria que vivimos” e expresou o seu desexo de que
“pronto recibamos material homologado por parte doutras administracións pero
mentres temos que dicir que estamos moi orgullosos da nosa sociedade”.