Saturday 16 de November de 2024

Camariñas aposta por manter a forma nos fogares e continúa as actividades deportivas de xeito telemático


Diariamente, súbense as redes sociais do Concello os vídeos ou os pdf que prepararon os monitores.

O Concello de Camariñas quere que a actividade non pare a pesar do confinamento decretado polo Estado de Alarma. Por iso, desde o comezo desta crise sanitaria, apostou por continuar levando a cabo as actividades deportivas. Iso si, de xeito telemático.

Diariamente súbense ás redes sociais municipais vídeos ou pdf coas instrucións para levar a cabo as diferentes clases. Ritmos latinos, ioga, patinaxe, pilates, Concello Activo… Son algunhas das actividades que xa se publicaron.

Ademais, un dos monitores das actividades deportivas municipais, Alberto Baña, está a ofrecer todos os días ás 18 horas desde o seu Instagram @albertobanatajes clases de ximnasia, core, baile, e outro tipo de circuítos.

O concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, lembrou aos veciños e veciñas de Camariñas que “é moi importante quedar na casa pero tamén o é manter a rutina de facer deporte todos os días” e destacou que “ademais permite por un momento evadirnos de todo o que está a suceder”.