Friday 22 de November de 2024

Vimianzo decreta a suspensión do pago de taxas municipais e tributos que son de cobro directo pola administración local


A alcaldesa, Mónica Rodríguez, apunta que “é unha medida que tiñamos que tomar, por xustiza social”.

O Concello de Vimianzo decretou a suspensión do pago de taxas municipais e tributos que son de cobro directo pola administración. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, apunta que “é unha medida que tiñamos que tomar, por xustiza social”, apuntou a rexedora.

Polo tanto, queda suspendido o pago das taxas correspondentes aos servizos de madrugadores, gardaría infantil, mercadillo e ximnasio municipal. Ao non producirse o feito impoñible, os usuarios non están obrigados ao pagamento da parte proporcional da prestación do servizo, e no caso de ser cobrados con anterioridade, procederase á súa devolución proporcional.

Por outra banda, posponse o pagamento de aqueles tributos que son de cobro directo polo Concello: auga e SAF, ata a finalización do estado de alarma ou a súa prórroga; sen prexuízo, as medidas adoptadas pola Deputación Provincial da Coruña, respecto do resto de tributos ou taxas cuxo cobro está delegado na dita institución (contribución, IVTM, recollida de lixo, etc).

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, fai un chamamento á veciñanza para “que saiban que estamos aquí para contribuír en todo o que poidamos. Mañá cumpriremos quince días de confinamento e a actitude está a ser, polo xeral, fantástica”, apunta a rexedora.