Saturday 16 de November de 2024

BeOne e o Concello de Brión poñen en marcha #EuAdestroNaCasa, un programa gratuíto para que a veciñanza se manteña en forma dende a casa


Inclúe máis de 300 clases virtuais de tonificación, baile, HIIT, meditación, ioga e pilates
O Grupo Serviocio BeOne, empresa adxudicataria da piscina
municipal, e o Concello de Brión veñen de poñer en marcha o programa #EuAdestroNaCasa,
unha iniciativa gratuíta aberta a todos os veciños e veciñas do municipio que inclúe máis de
300 clases virtuais de tonificación, baile, HIIT, meditación, ioga e pilates para que poidan
seguir mantendo a súa actividade física mentres dure o confinamento.
Silvia Fadeville Cajuso, directora da piscina municipal de Brión, explica que “non é o
momento de volvernos sedentarios. Ao contrario, debemos estar máis fortes que nunca para
poder vencer entre todos esta adversidade. Por iso, Grupo Serviocio BeOne quere abrir esta
iniciativa, que puxo ao alcance dos usuarios da piscina, a todos os veciños e veciñas de Brión
e de forma gratuíta”.
De feito, para participar só é preciso rexistrarse na páxina web: www.beone.es/behome para
obter as claves de acceso á aplicación, que conta con máis de 300 clases virtuais que os
veciños e veciñas de Brión poden realizar dende as súas casas e á hora que eles estimen
oportuna. Ademais, dende a conta de Instagram de BeOne (beone_fitness_sport) estanse
tamén a impartir clases en directo e aberto cos técnicos das distintas instalacións que esta
empresa ten no país.
O alcalde de Brión, José Luís García, agradeceu a colaboración do Grupo Serviocio BeOne e
animou á veciñanza a sumarse á iniciativa pois “canto máis activos e máis sans esteamos,
máis pronto conseguiremos superar esta crise sanitaria”.