Friday 22 de November de 2024

Preto de 500 familias xa solicitaron o seu tícket especial de compra


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, indicou que 476 familias xa solicitaron facer uso do ticket especial de compra, o bono posto en marcha polo Concello para que as unidades familiares con máis dificultades poidan adquirir alimentos e produtos básicos nos principais supermercados e tendas de barrio. A solicitude destes tíckets segue aberta a través do teléfono 010.

Sánchez Bugallo declarouse “un pouco sorprendido, porque non esperabamos un volume tan significativo de solicitudes”. Das 476 familias solicitantes, 95 viven en Vite e no rural norte; 122 na zona de Fontiñas, San Lázaro, San Marcos, Lavacolla, Sar e Aríns; 78 en Conxo, Castiñeiriño e Pontepedriña; 46 no Ensanche; e 82 na zona histórica, San Lourenzo, Porta do Camiño e rural oeste. A estas hai que sumar outras 53 familias de diversos ámbitos.

A todas estas familias –que contan co correspondente informe favorable de Servizos Sociais- estáselles dando hora para que pasen a recoller os seus tíckets especiais de compra a partir do vindeiro luns. Pero en calquera caso, como lembrou o alcalde, “se algunha familia o precisa antes, poden chamar ao 010 e facilitaríaselles con antelación o vale ou faríase chegar ao seu domicilio un paquete con comida en función dos/das compoñentes da unidade familiar e das necesidades”.

O rexedor referiuse a que a principal vantaxe destes bonos de compra fronte á entrega directa é que grazas aos tíckets tamén poden mercar produtos perecedoiros e de hixiene. Hoxe sae nos xornais o listado dos supermercados e tendas de barrio nos que se pode facer uso destes tíckets especiais de compra, cos que “se garante unha distribución axeitada, especialmente no ámbito urbano”.

Sobre a entrega directa, lembrou que unhas 200 familias xa recibiron bolsas e caixas de comida procedentes dos bancos de alimentos. Tamén recordou que unhas 400 persoas maiores están acollida ao servizo de axuda no fogar, e que 265 nenos e nenas reciben as súas comidas diariamente co programa de comedor escolar. A estas cifras súmanselle outras 200 persoas máis atendidas pola Cociña Económica a través dun servizo de cátering, e as 24 persoas que estaban na rúa que foron aloxadas en pensións ou no Seminario Menor.

“Son máis de 2.000 persoas que en Santiago están recibindo atención directa nestes intres, indicou Sánchez Bugallo, que insistiu en que “non imos permitir que ninguén quede na rúa ou desatendido”. Neste punto, aproveitou para agradecer o “esforzo inmenso” de institucións como a Cruz Vermella, Banco de Alimentos, San Vicente de Paúl…, e tamén o “excepcional traballo” dos/das traballadores/as de Servizos Sociais e dos/das voluntarios/as de Protección Civil, que se están encargando de atender o 061. Como exemplo, indicou que só no día de onte se recibiron neste teléfono máis de 200 chamadas.