O Concello recibiu a media mañá de hoxe información sobre o primeiro caso confirmado de contaxio por coronavirus no noso municipio. Trátase dunha residente do centro de maiores Suacasa que, tal e como informa o propio centro, foi trasladada de urxencia por un problema traumatolóxico ao hospital Arquitecto Marcide, onde se lle fixo o test marcado polos protocolos sanitarios que resultou ser positivo. A residencia xeriátrica tamén lle comunicou ao Goberno local que “a día de hoxe” dentro das súas instalacións “non hai ningún caso confirmado de COVID-19” e que a situación “está sendo supervisada e tutelada polas autoridades sanitarias da Área de Ferrol”. A dirección da residencia asegura nun comunicado que “ningún dos nosos residentes nin traballadores presentan síntoma algún”, polo que queren trasladarlle á veciñanza “unha mensaxe de tranquilidade”.
O Concello, dentro das súas competencias, activou de inmediato o protocolo especial de recollida do lixo destinando un colector para uso exclusivo do centro onde se deberán depositar debidamente selados e sen separar todos os resíduos que se xeren nas instalacións.
Tan pronto como soubo da confirmación do positivo, Secundino García contactou co delegado territorial da Xunta para ofrecerlle a colaboración municipal nos labores de desinfección do entorno da residencia que, ao parecer, van efectuarse esta tarde con medios humanos e técnicos do Distrito Forestal. Na mesma comunicación, García tamén lle fixo saber a Ovidio Rodeiro da necesidade de proporcionarlle equipos de protección ao persoal do centro.
Ante esta confirmación “que era de agardar nalgún momento visto que aínda non chegamos ao pico da curva de contaxios”, o alcalde volve insistir na necesidade de “extremar as precaucións hixiénicas”, como son a de lavar as mans con frecuencia, esbirrar ou tusir en panos desbotables (ou contra a parte interior do cóbado), non levar as mans á boca ou ao nariz e manter a distancia social en establecementos comerciais.
Porén, segundo Secundino García o máis importante para previr contaxios do virus é “cumprir coas medidas de confinamento decretadas polo Estado. Só debemos desprazarnos se é estrictamente necesario e nos casos permitidos, como é ir ao traballo, facer compra, ir á farmacia ou acudir ao centro de saúde só se o noso médico considera que debemos pasar por alí porque non lle chega cunha consulta telefónica”.
O alcalde pide “tranquilidade e sentido común”, pero tamén “responsabilidade para adoptar todas e todos unha actitude que axude a previr contaxios”. “Non podemos relaxarnos nin pensar que o coronavirus non vai chegar. De feito xa o fixo e agora temos que ter aínda máis coidado. Iso significa moverse só o imprescindible, pero tamén significa non facer nin recibir visitas de amizades e familiares salvo que se trate dunha urxencia”, insiste Secundino García ao tempo que recoñece “o esforzo que está facendo todo o persoal sanitario e aquel que está implicado dalgunha maneira nas medidas de contención, en moitos casos sen materiais axeitados e sen directrices claras sobre como deben actuar”.
O Goberno local incide, como xa repetiu en varias ocasións nos últimos días, en que non se deben compartir bulos ou informacións sen contrastar, “que só alimentan o alarmismo en vez de axudarnos a manter a cabeza fría que se precisa nestes momentos. Compartamos nas nosas redes sociais ou por whatsapp só información de fontes oficiais”.
Tamén se advirte de que non se debe chamar nin á residencia onde se detectou o primeiro caso positivo nin tampouco ao Centro de Saúde ou ao Concello con intención de coñecer a identidade das persoas que poidan estar infectadas, como ocorreu esta mañá en Moeche tan pronto como se fixo público que tamén alí se confirmara un positivo. Tal e como publicou nas súas redes sociais o concello veciño, as chamadas veciñais tentando saber quen era a persoa contaxiada -ao parecer un home de idade avanzada- chegaron a saturar a centraliña do centro médico, impedindo por uns intres atender as consultas telefónicas.
“Que ninguén chame ao Centro de Saúde, á residencia ou ao Concello para saber quen é a persoa que ten o virus. Nós, o Concello, non dispoñemos desa información e ningún organismo oficial vai facilitala. Abonda con que as autoridades sanitarias a coñezan e que activen en base a ela toda a trazabilidade necesaria para previr contaxios entre os familiares das persoas contaxiadas e outras coas que puidesen ter contacto”.
Desde o Concello lémbranse as recomendacións sobre como actuar no caso de ter síntomas da COVID-19, que cursa xeralmente con febre, tose e dificultade para respirar. Estas recomendacións están extraídas dun decálogo publicado polo SERGAS, dispoñible na web coronavirus.sergas.es:
Auto-illarse: Nunha habitación de uso individual con fiestra, mantendo a porta pechada e, se é posible, con baño individual. Se non é posible: manter a distancia de seguridade de 2 metros co resto de persoas que convivan na casa e extremar as medidas de hixiene.
Manterse en comunicación: convén ter un teléfono á man para informar das necesidades que poidas ter e manter a comunicación cos teus seres queirdos.
Sensación de gravidade: Se tes sensación de falta de aire ou te encontras moi mal, chama ao centro de saúde ou ao 900 400 116.
Autocoidados: Usa paracetamol para controlar a febre, pon panos fríos na fronte ou toma unha ducha tépeda para axudar a controlar a temperatura. Bebe líquidos, descansa pero móvete de cando en vez.
Hábitos saudables: Mantén un horario de descanso axeitado e leva a cabo unha alimentación saudable consumindo froitas e verduras
Illamento domiciliario: Agora que xa tes feito o máis inmediato, revisa e aplica as medidas de illamento que debes adoptar na casa. Hai dúas cuestións que debes ter en conta: as propias medidas de illamento e tamén como manexar os resíduos que xeres.
Lavado de mans: Asegúrate que na casa todas e todos coñecen como facer un correcto lavado de mans. Na web coronavirus.sergas.es tes un vídeo sobre como facelo.
Se empeoras: Se tes moita dificultade para respirar ou non controlas a febre, chama ao 061.
14 días: Debes manter o illamento 14 días desde o inicio dos síntomas. Se despois deste tempo segues con síntomas, chama ao Centro de Saúde
Alta: O seguimento e a alta serán supervisados polo teu médico de Atención Primaria.