O Concello de Brión segue a ampliar os traballos de limpeza viaria,
desinfección de edificios públicos e limpezas das zonas con maior afluencia de xente coa
finalidade de evitar a propagación do coronavirus COVID-19. “Unhas tarefas que se están a
ampliar grazas á colaboración desinteresada tanto de empresas como de veciños e veciñas de
Brión que, coa súa xenerosidade e as súas doazóns, fan posible que poidamos ampliar este
servizo”, explica o alcalde de Brión, José Luís García.
Así, os traballos de desinfección manual do persoal do Grupo de Emerxencias
Supramunicipal centráronse nos arredores dos principais locais abertos no municipio
(farmacias, supermercados, panaderías, entidades bancarias, estancos, etc) e continuouse coa
limpeza dos contedores de lixo e do distintos mobiliario urbano (papeleiras, bancos, etc). Así
mesmo, reiteráronse os labores de limpeza nos exteriores do centro de saúde, da residencia de
maiores e do centro comercial Monte Balado.
A desinfección co tractor realizouse na AC-543 (Avenida de Noia), no paseo de Pedrouzos,
na avenida de Santa Minia, nos arredores da igrexa e do camposante de Brión; na AC-300,
entre a rúa da Senra (Os Ánxeles) ata Chave da Ponte (Bastavales). Así mesmo, comezouse
coa limpeza das aldeas e trabállase coa intención de achegarse a todos os núcleos de
poboación do municipio. Así, durante estes días xa se actuou nas aldeas de Lago, Gundín,
Liñares, Gronzo, Brión de Arriba, Brión de Abaixo, O Rial, Guldrís, Trasouteiro, Bemil,
Soigrexa, Adoufe e Lamiño.
Uns traballos que se están a realizar de acordo co protocolo de limpeza viaria ante a
pandemia de coronavirus aprobado polo Ministerio de Sanidade, empregando hipoclorito
sódico ao 0,1% (20 ml de lixivia común por litro de auga).