Friday 22 de November de 2024

Benestar Social pon en marcha un teléfono de acompañamento para combater a soidade nos fogares


 

A Concellería de Benestar Social porá en marcha nos
próximos días a iniciativa “Acompáñote. Liña de atención telefónica” pensada para que
aquelas persoas que están soas durante a corentena poidan conversar uns momentiños
con voluntarias e voluntarios e consigan levar mellor estas semanas de confinamento. Para
iso, habilitarase o teléfono gratuíto 900 920 500 ao que poderán chamar todas e todos os
que necesiten falar. Serán atendidos por algunha das máis de 500 persoas voluntarias que
se inscribiron no servizo ao inicio deste estado de alarma.
Desde o concello remitíuselle ao grupo de colaboradoras/es un correo para lles explicar
esta nova asistencia telefónica e solicitóuselles a súa dispoñibilidade horaria e por días.
Deste xeito, organizaranse quendas para que cando se reciba unha chamada, a central
redirixiraa a unha das persoas que estean operativas nese momento. Daráselle prioridade a
quen aínda non participase en ningunha das peticións cidadás de axuda que a veciñanza
demandou a través do 010, pero ao resto tamén se lle permitirá colaborar.
Tamén desde o 010, as e os profesionais que atenden este servizo reconducirán as
chamadas das e dos que queiran contactar nesta liña co fin de lle dar un alento á cidadanía

Nota de Prensa

que está sen compañía nesta crise do coronavirus. En ningún caso é un servizo de
información sobre a pandemia nin de emerxencia, senón que xorde coa vontade de lles
ofrecer un apoio ás persoas que non teñen forma de comunicárense.
Conscientes de que hai moita xente que non ten unha rede familiar e social na que apoiarse
e de que moitas persoas non teñen acceso ao mundo dixital, a concellería abriralles unha
xanela na que poder charlar sobre gustos, afeccións e sobre todo aquilo que lles faga sorrir
e pasar un tempo agradable. Entre o grupo de voluntariado inclúense psicólogas e
psicólogos que poderán realizar unha asistencia máis profesional en caso de que a persoa
que está ao outro lado do teléfono o precise.