Levamos 12 días en Estado de Alarma. Unha situación que nos restrinxe os movementos e que está poñendo a proba a capacidade de autoorganización das administracións e da sociedade en xeral para afrontar a crise sanitaria. Moeche está sendo exemplo nestes días dun todos a unha no que Concello e veciñanza arriman o ombro para previr os contaxios do coronavirus e suplir todas as carencias ás que nos abocou esta situación excepcional. A poboación está respectando rigorosamente todas as recomendacións en canto a desprazamentos, tamén se atenden os consellos sobre distancias sociais en tendas e bancos e, ademais de todo iso, quen máis e quen menos ofrécese a axudar no que poida ás persoas do seu entorno e tamén á Administración local. Onte, sen ir máis lonxe, un gandeiro emprestoulle ao Concello un pulverizador suspendido para desinfectar as rúas máis transitadas. Ademais, no curso de costura da AVV Val de Moeche están facendo mascariñas de algodón lavables para que o Concello as utilice ou para que as distribúa onde sexan necesarias.
Beatriz Bascoy destacou a “grande implicación e concienciación” da sociedade modestina con todas as medidas que se están desenvolvendo a todos os niveis para reducir ao mínimo as posibilidades de contaxio. A rexedora local explica que “todo o mundo está respectando o confinamento e circulando pola vía pública só nos casos autorizados. O Concello mantén comunicación diaria coa Garda Civil e o que se nos traslada desde este corpo é que, desde o empezo do Estado de Alarma, non houbo ningún tipo de incidencia e que a actuación da veciñanza está sendo modélica.”
Dentro desa actuación modélica entraría a solidariedade despregada polas entidades do territorio en colaboración co Concello para axudarlles coa compra ou con calquera outra necesidade a aqueles veciños e veciñas de maior idade que vivan sós ou que teñan problemas de mobilidade. Incluso houbo ofrecementos para desenvolver tarefas de hixiene pública. De feito, un veciño cedeu na fin de semana equipamento de protección do que a Administración local non dispuña, de maneira que Moeche xa puido iniciar o domingo pola mañá os labores de desinfección dos puntos onde se dá un maior movemento de persoas, como son os accesos a tendas e supermercados, ás sucursais bancarias, á casa consistorial ou ao Centro de Saúde.
O programa de limpezas preventivas está programado en días alternos durante a semana. Así, os luns, mércores e sábado os operarios municipais aplican unha solución de hipoclorito no exterior dos establecementos que permanecen abertos, mentres que os martes e xoves se reservan para pulverizar co mesmo produto “as rúas que soportan un maior tránsito a pé”, que son precisamente as que conducen ao Concello e aos puntos de venda, tanto no centro urbano como noutros lugares do territorio. Estes últimos traballos fanse con sulfatadoras convencionais e tamén cun pulverizador de grande capacidade suspendido do tractor municipal. O departamento de Servizos pode contar con este equipamento gracias ao ofrecemento desinteresado dun gandeiro “a quen lle agradecemos un xesto que axiliza moito o traballo”.
Ademais de limpar rúas e beirarrúas, o Concello tamén está desinfectando o exterior dos colectores do lixo que, desde hai uns días, se deixan abertos para evitarlle ás persoas usuarias ter que botarlles a man. Neste sentido prégase que o lixo se deposite en bolsas perfectamente pechadas e, preferiblemente, na noite do día anterior ao paso do camión da recollida. Por outra banda, desde o Concello recórdase que mentres dure a situación de alerta sanitaria está suspendida a recollida de voluminosos.
Desconto no recibo do lixo para establecementos pechados
Como medida económica inmediata, o Concello decidiu descontarlles o recibo do lixo a todos establecementos ou negocios que tiveron a obriga de pechar -bares e restaurantes principalmente- por mor da alerta sanitaria. O desconto aplicaríase proporcionalmente en base aos días en que dure o Estado de Alarma e, posto que o pagamento é por adiantado e semestral, para facelo efectivo barállase unha rebaixa dos recibos do segundo semestre do ano ou ben unha compensación que se aplicaría no primeiro semestre de 2021.
Dado que a celebración de feiras e mercados está tamén interrompida, o Concello tamén ten previsto decretar a suspensión de pagamentos aos adxudicatarios de espazos en San Ramón -polbeira e bar do mercado- aos arredor de 90 postos que acoden regularmente ás citas do 11 e do 23. A medida aprobarase na próxima Xunta de Goberno local e será de aplicación na parte proporcional que corresponda durante a vixencia do Estado e de Alarma (desde o 14 de marzo) e mentres non se poidan reanudar oficialmente as feiras mensuais e os mercados do sábados.