Saturday 16 de November de 2024

A Cidade da Cultura de Galicia supera no 2014 a previsión de visitantes cun total de 448.201, un 17,8% máis que o ano pasado


O Gaiás organizou ao longo deste ano 195 actividades culturais consolidando unha programación estable, de calidade e dirixida a todos os públicos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca o incremento de visitantes á Cidade da Cultura no 2014, ano no que recibiu 448.201 visitas, un 17,8 máis que no 2013. No seu balance, subliña a consolidación dunha programación cultural estable e de calidade, con 195 actividades, e, de xeito singular, chama a atención sobre o incremento de empresas e institucións que optaron polas instalacións do Gaiás para celebrar os seus eventos: 365, máis do dobre que en 2013. Do mesmo xeito, as cifras amosan que 2014 foi o ano do afianzamento do Centro de Emprendemento como espazo para o impulso de novos proxectos, con case un centenar de emprendedores.

Para a Consellería de Cultura e Educación, as cifras acreditan que o modelo de xestión está a dar resultados, cumprindo cos obxectivos fixados no Plan Estratéxico Gaiás e consolidando a Cidade da Cultura como un espazo non só para a promoción da cultura, senón tamén para o impulso da tecnoloxía e do emprendemento, ademais dun foco de atracción de visitantes.

Desde a súa apertura ao público no 2011 o complexo deseñado por Peter Eisenman en Santiago rexistrou xa 1.481.218 visitas, nunha tendencia que non deixou de medrar cada ano: 331.892 en 2011; 332.847 en 2012: 368.278 no 2013 e 448.201 no 2014. A cifra deste último ano superou a previsión de 400.000 visitantes fixada para este exercicio.

Intensa actividade cultural
Durante 2014, o departamento de Acción Cultural programou un total de 195 actividades, entre as que destacan eventos de proxección internacional como o Womex, a feira de ‘world music’ máis importante do mundo, que reuniu durante catro días en Santiago a un total de 11.400 persoas.

No eido das exposicións cómpre destacar ‘Auga Doce’, a mostra que trouxo a Galicia obras de grandes xenios da arte con John Constable, David Hockney, Gerhard Richter ou Louise Bourgeoise e que foi visitada por 39.165 persoas. ‘Auga Doce’ contribuíu tamén a impulsar a proxección internacional do Museo Centro Gaiás, que colaborou con institucións do prestixio do MoMA, do Rijksmuseum ou do Musée d’Orsay, entre outros moitos.

‘Cidade Imaxinaria’ volveu ser unha das citas da programación infantil do verán, reunindo a máis de 11.000 persoas durante un só día. Por outra banda, a música foi outra das protagonistas da programación cultural do 2014, cunha nova edición de ‘Atardecer no Gaiás’ ou o concerto de Chick Corea e Stanley Clarke, que agotou as entradas con varias semanas de antelación. Os escolares estiveron tamén moi presentes, con 10.822 estudantes que aprenderon xogando a través do programa de visitas didácticas.

Ante estas cifras, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere dar as grazas á Fundación privada Gaiás, polo seu compromiso coa programación cultural; agradecemento que fai extensivo ao resto das empresas patrocinadoras e colaboradoras das actividades organizadas na Cidade da Cultura.

Eventos e apoio aos emprendedores
A forza arquitectónica e o equipamento dos edificios e espazos exteriores da Cidade da Cultura o están a afianzar como unha infraestrutura que atrae empresas, colectivos e institucións para celebrar o seus eventos. Fronte aos 165 organizados o ano pasado, en 2014 realizáronse 345 actos desta natureza, máis do dobre.

O 2014 supuxo tamén a consolidación do Centro de Emprendemento a través das súas tres liñas de traballo: o espazo de coworking, o viveiro de empresas e o proxecto de crowdworking posto en marcha por Telefónica e Amtega.

O coworking, que abriu as súas portas no 2013, incrementou nun 75% a súa ocupación. Un total de 37 emprendedores desempeñan a súa actividade, o que converte no coworking con maior ocupación na comunidade. Os coworkers instalados no Gaiás reciben asesoramento e titorización para levar a bo porto proxectos que van desde a industria musical ao deseño, comunicación, coaching ou a educación.

Por outra banda, este ano púxose en marcha o Viveiro Gaiás, destinado a acoller empresas que están a dar o seus primeiros pasos. A partir de xaneiro de 2015, este viveiro terá ocupado o 77% do seu espazo. O Centro de Emprendemento é sede tamén do Galicia Open Future, proxecto destinado ao emprendemento tecnolóxico en alianza con Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que alberga un total de 50 start-ups.

Máis alá de ofrecer un marco adecuado, o Centro de Emprendemento leva a cabo unha programación que ten por obxecto a formación e promoción dos emprendedores galegos. En total leváronse a cabo 67 actividades nas que participaron 1.110 persoas.

O 2014 foi tamén o ano no que se puxo en marcha o Bosque de Galicia, o proxecto de creación dun área verde sostible aberta aos cidadáns no monte Gaiás, proxecto que supón a plantación de 9.000 árbores de especies autóctonas.