O Concello da Pobra do Caramiñal quere agradecer o traballo que están a realizar
no Fab Lab da Casa da Mocidade varias persoas voluntarias, entre as que destacan
Carlos Dasilva, da empresa Tecelán, e Martín González. O concelleiro de
Seguridade, Mocidade e Participación Veciñal, José Andrés Lojo encargouse de
coordinar o traballo e de subministrar o material necesario.
Carlos e Martín comezaron dende hai varios días a preparar a produción de
máscaras protectoras nas impresoras 3D coas que conta o Fab Lab, tres delas xa
están funcionando a pleno rendemento a día de hoxe, e dúas máis pendentes da
súa posta a punto para comezar tamén a traballar. Incluso incorporarán algunha
de propiedade privada para poder incrementar a produción diaria.
O destino das máscaras será prioritariamente o persoal sanitario do hospital do
Barbanza e os voluntarios e voluntarias de Protección Civil, sempre que as
precisaren. Distribuiranse tamén entre as traballadoras do Servizo de Axuda no
Fogar e o Servizo de Limpeza das Dependencias Municipais, especialmente as que
teñen como responsabilidade a hixiene do centro de saúde. Outros traballadores e
traballadoras tamén as precisan para protexerse, como as brigadas que traballan
na rúa, sobre todo a de limpeza viaria, que estes días se dedica aos baldeos con
lixivia das zonas máis sensibles. Por suposto tamén se ofrecerán a outras entidades
que teñen solicitado axuda ao Concello, pero sempre condicionado ao ritmo de
produción.