Friday 22 de November de 2024

A Xunta coordina co sector turístico a posta en marcha de aloxamentos de garda durante a crise do coronavirus


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo un encontro por videoconferencia con representantes das organizacións provinciais do sector

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo esta tarde un encontro por videoconferencia cos diferentes representantes das organizacións provinciais do sector turístico para coordinar a posta en marcha dos aloxamentos de garda en Galicia durante a crise do coronavirus.

O responsable de Turismo da Xunta abordou a situación actual e as posibles necesidades co presidente da Asociación de Hostalería da Coruña, Héctor Cañete; da Asociación Provincial de Empresarios de Hospedaxe de Pontevedra, Cesar Ballesteros; da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, José Francisco Real, e da Confederación de Hostalaría de Ourense, Ovidio Fernández. Tamén participou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

Durante o encontro, o conselleiro agradeceu aos representantes do sector a súa colaboración e lembrou que a nosa Comunidade conta con 157 aloxamentos turísticos a disposición de persoas afectadas pola crise do coronavirus como traballadores desprazados que presten servizos esenciais, colectivos de especial vulnerabilidade social, como persoas sen fogar, en exclusión social e vítimas de violencia de xénero, ou cidadáns en tránsito.