O Concello de Ribeira
vén de recibir esta tarde unha partida de mascarillas e guantes
enviadas pola Xunta de Galicia. Trátase do primeiro material de
protección contra o coronavirus procedente doutras administracións
que chega ao noso ente local. O lote, conformado por 250
mascarillas quirúrxicas e 17 paquetes de guantes, será destinado
prioritariamente a satisfacer as necesidades do Servizo de Atención
Domiciliaria que coordinan os Servizos Sociais municipais.
Neste senso, cómpre salientar que grazas á colaboración de
numerosas entidades e empresas da contorna o Concello está a
aportar material preventivo a distintos organismos implicados dun ou
doutro xeito na loita contra a pandemia (como a Policía Nacional e a
Patrulla Fiscal da Garda Civil, ademais do GAEM, Policía Local e
Protección Civil e a concesionaria de limpeza Urbaser) así como en
centros onde a dotación deste material é unha prioridade, tales como
o Hospital do Barbanza, as residencias do maior de Ribeira e Artes e
a asociación Amicos.
Agradecementos
A tal efecto, se a Comisión de Seguimento e Evolución do
Coronavirus deixou constancia expresa no día de onte do seu
agradecemento a entidades como a confraría de Ribeira, Colexio
Bayón, Asia Star, Benito da Bouza e Hermanos Parranda, hoxe fixo
o propio con outras empresas colaboradoras que están a aportar
material e vehículos para afrontar o Estado de Alarma: foi o caso de
Excavaciones Nima, Anspal, Marqués de Marancán, Vías y Servicios
Generales, Tarrío e Suárez, Sograni, Aqualia e China Mark. Fíxose
mención tamén da Lonxa de Ribeira e Frinsa polo seu ofrecemento
de produtos alimenticios (peixe fresco nun caso e conservas no
outro), cuxo reparto entre a veciñanza con este tipo de carencias
coordinado por Servizos Sociais e Protección Civil, coa asistencia de
organizacións benéficas colaboradoras.
A este último respecto, déronse instrucións aos Servizos Sociais
para que coordinen con outra cooperadora habitual do Concello
como é Cruz Vermella á hora do reparto de alimentos, tal e como se
está a facer con ongs como Cáritas ou ICE Renovación.
Mercadiño
Por outra parte, no transcurso da Comisión douse conta de que tras
a cuestión plantexada polo Concello de Ribeira á Consellería de
Medio Rural sobre o mercadiño dos sábados, este publicou unha
orde no DOG polo que prohibe ata o 31 de marzo a realización de
mercados tradicionais con venda directo de produtos agrícolas e
gandeiro, polo que canda menos este sábado non haberá
mercadiño.
Ademais, deixouse constancia de que o levantamento desta
prohibición unha vez transcorra o 31 de marzo, se é o caso, terá
lugar coas medidas de prevención e seguridade xa adoptadas polo
Concello de Ribeira nos seus últimos mercadiños e que, de feito, lle
foron recomendadas pola nosa administración á Consellería:
separación dos postos nun mínimo de 6 metros cunha vía de tránsito
entre eles, distancia mínima de 2 metros tanto entre compradores
como vendedores, utilización obrigatoria de luvas para a manipulación
dos produtos, etc…