Malia a suspensión temporal de distintos servizos, o Goberno local seguirá
aboando as contías comprometidas para evitar regulacións de cadro de persoal,
segundo a resolución ditada hoxe pola Concellería de Economía, Facenda e
Réxime Interior
O Goberno local decidiu manter todos os contratos con
empresas que lle prestan servizos ao concello, aínda que estes se interromperan
temporalmente. Nesa situación atópanse diversos servizos, como o de axuda a domicilio, as
bibliotecas, os museos científicos ou as escolas infantís. Malia a suspensión temporal desas
prestacións, o concello seguirá aboando as contías correspondentes ás empresas
prestatarias para garantir o mantemento do emprego.
Uns 2.300 traballadoras/es dependen directamente de máis de 380 contratos municipais de
distinto tipo. O Goberno que preside Inés Rey busca con esta medida reducir o impacto
laboral que a situación actual de emerxencia sanitaria está causando na cidade. “A decisión
do Goberno local está dirixida a manter o emprego, que é a mellor medida de protección
social que podemos adoptar para afrontar ás consecuencias económicas da pandemia do
coronavirus”, especificou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José
Manuel Lage Tuñas.
A resolución de Economía e Facenda especifica que o concello vixiará o cumprimento das
obrigas laborais por parte de contratistas e subcontratistas. Ademais, axilizará os pagos a
Nota de Prensa
todos os seus provedores dentro dos prazos legalmente establecidos para lles facilitar
liquidez ás empresas.
No caso concreto das escolas infantís, non lles están cobrando as tarifas fixadas ás e aos
usuarios, co conseguinte quebranto na súa facturación. As escolas infantís terán dereito a
solicitarlle un reequilibrio económico ao concello debidamente xustificado. Por outra banda,
o Goberno local está traballando cos grupos políticos para modificar o regulamento das
escolas infantís para que, tan pronto como sexa posible, todas elas sexan gratuítas.
Ademais, non suspenderá as obras que estean en execución e insta as empresas que as
están a levar a cabo a que garantan as medidas de prevención e autoprotección dos seus
traballadores e traballadoras ditadas polas autoridades sanitarias. “Manter os contratos e
prestacións de servizos que temos no Concello é algo moi meditado, pensando en contribuír
á economía da cidade e á protección social”, dixo Lage Tuñas.
O executivo traballa tamén en artellar outras medidas de carácter económico que se
concretarán segundo se vaian determinando as actuacións correspondentes por parte da
Xunta e do Goberno Central. O obxectivo prioritario é acadar que o impacto na cidadanía da
actual crise sexa o menor posible. Con esa finalidade, o Goberno local non dubidará en
mobilizar todos os medios que foren posibles.