Neste primeiro reparto se están atendendo as peticións máis urxentes que os municipios trasladaron a través da FEGAMP
A Xunta, a través da delegación territorial da Coruña, iniciou esta mañá un primeiro reparto entre os concellos da provincia do primeiro material urxente de protección para atender ao persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais. Concretamente, repartíronse esta mañá máis de 7.000 mascarillas e 40.000 guantes entre 55 municipios coruñeses, ao longo dos vindeiros días completarase o reparto ao resto de concellos da provincia.
Ademais, desde a Delegación organizouse tamén a actuación do Servizo de Defensa Contra Incendios para levar a cabo a desinfección dos exteriores das residencias de maiores e discapacitados e dos centros de saúde. Concretamente, nesta provincia levouse a cabo, no día de hoxe con estes equipos de limpeza, actuacións en Cabanas, Coirós, Cerceda, Touro, Boimorto, Val do Dubra, A Baña e Fisterra.
O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, agradeceu especialmente ás empresas que de forma desinteresada aportaron material para atender as necesidades máis urxentes nos municipios. Concretamente, neste provincia cederon material, Papelería Brandia, Clínica Dental Ferreño, Clínica Arce, Clínica Sondent de Porto do Son, J.M. Lavandeiras S.L., Clínica Dental Romero, Grupo Liñagar.
O Posto de Mando Avanzado, constituído o pasado sábado, está composto polo delegado da Xunta, Ovidio Rodeiro, representantes de todas as xefaturas territoriais, representantes de emerxencias e da policía autonómica.
Entre os cometidos do Posto de Mando Avanzado está centralizar as peticións dos concellos en relación coas necesidades de material, en coordinación coa FEGAMP que xa conta cun formulario na súa web para recoller esa información. Ademais, actúa como un punto de información para os concellos.
O Punto de Mando Avanzado tamén está canalizando a través do 112 as ofertas de donación de material que se reciban nas delegacións. Tamén está organizando a distribución do material a concellos, GES e UPA, cando se dispoña do mesmo, dacordo coas necesidades e instrucións establecidas polo CECOPI (Centro de Coordinación Operativo Integrado).