Tuesday 03 de December de 2024

O Concello de Fene intensifica a hixiene dos espazos públicos como medida preventiva de contaxios


 

A área de Obras e Servizos reforzou desde a semana pasada a hixiene nos espazos públicos co seu cadro de persoal ao completo. Mantense con normalidade o servizo de recollida do lixo e, ademais, o pasado mércores fíxose unha recollida especial de voluminosos. En relación coas medidas preventivas de posibles contaxios, este departamento ten en marcha un dispositivo especial de limpeza e desinfección do mobiliario urbano e dos espazos onde se concentra un maior número de persoas. Estase facendo unha limpeza en profundidade nas papeleiras e colectores do lixo, nas paradas do transporte público, diante do Centro de Saúde e, sobre todo, nas zonas de tránsito nas inmediacións de farmacias, tendas, supermercados e outros establecementos que permanecen abertos.

O plan especial de limpeza tamén se estendeu ao cemiterio municipal onde, por outra banda, está cumpríndose a norma preventiva de que os cortexos fúnebres non superen as 25 persoas.

Desde o Concello insístense nas recomendacións preventivas lanzadas polas autoridades sanitarias desde o comezo da crise:

-Permanecer na casa e saír só para atender as necesidades previstas no RD 463/2020: facer compra de produtos básicos, ir ao médico ou á farmacia, ir e volver do traballo, acudir ao banco, pasear mascotas sen distanciarse moito do lugar de residencia.

-Nos lugares onde poidan xuntarse varias persoas (supermercados, farmacias, etc.): manter unha separación mínima de 1,5 metros e atender as normas hixiénicas que nos indique o persoal.

-Pola nosa propia seguridade e a das persoas que nos rodean: tusir ou esbirrar sempre contra un pano de papel desbotable ou contra a parte interior do cóbado, lavar frecuentemente as mans con auga e xabón -ou cunha solución hidroalcólica- e non refregar os ollos ou o nariz.

Recordamos, por último, que se presentamos algún dos síntomas da COVID-19 -tose, febre ou dificultade para respirar- non debemos acudir pola nosa conta ao hospital ou ao centro de saúde, senón dque debemos chamar ao 900 400 116 para obter información sobre como proceder. Ademais, na web do SERGAS coronavirus.sergas.es hai un sinxelo autotest que nos irá guiando para saír de dúbidas. O teléfono 061 só se debe utilizar en casos de sintomatoloxía grave, accidentes ou calquera outra urxencia médica. Actuemos con responsabilidade.

Para calquera outra necesidade ou para solicitar a axuda do Concello na provisión de alimentos e produtos básicos, tede sempre á man estoutros teléfonos: Casa do Concello (981 492 707), Policía Local (981 492 777), Protección Civil (663 379 073) e Servizos Sociais (981 492 706, 981 342 607 ou 607 616 840).