Saturday 16 de November de 2024

A Xunta puxo en marcha un Posto de Mando Avanzado na delegación territorial da Coruña para coordinar as accións na provincia durante o estado de alarma


Este equipo está composto polo delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, representantes de todas as xefaturas territoriais, de emerxencias e da policía autonómica

A Consellería da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza constituíu esta mañá un Posto de Mando Avanzado (PMA) na delegación territorial da Coruña para coordinar todas as accións na provincia durante o estado de alarma polo coronavirus.

Este Posto de Mando Avanzado está composto polo delegado da Xunta, Ovidio Rodeiro, representantes de todas as xefaturas territoriais, representantes de emerxencias e da policía autonómica. Entre as funcións deste novo equipo está realizar un informe diario, que se remitirá á Sala de Control de Operativos (SACOP) do 112, con todas as incidencias que se rexistren na provincia.

Entre os cometidos do Posto de Mando Avanzado está centralizar as peticións dos concellos en relación coas necesidades de material, en coordinación coa FEGAMP que xa conta cun formulario na súa web para recoller esa información.

Ademais, actuará como un punto de información para os concellos e recabará as funcións vinculadas coa actividade do COVID-19 que se están a realizar nos municipios.

O Punto de Mando Avanzado tamén canalizará ao 112 as ofertas de donación de material que se reciban nas delegacións. Tamén organizará a distribución do material a concellos, GES e UPA, cando se dispoña do mesmo, dacordo coas necesidades e instrucións establecidas polo CECOPI (Centro de Coordinación Operativo Integrado).

O PMA realizará o seu traballo de xeito presencial ou en conexión remota segundo sexa necesario.