Saturday 16 de November de 2024

Traballar as leiras lonxe da casa si, pero con sentidiño e a expensas do que poida dicir o Estado


 

La Voz de Galicia publica hoxe na súa edición dixital que a Consellaría do Medio Rural autoriza os desprazamentos para facer labores agrogandeiros en leiras que teñamos lonxe da casa. Se o di a Xunta, ben dito debe estar, posto que se trata do Goberno autonómico e é de supoñer que ningún dos consellos que dea vai ir en contra do que determine o RD 463/2020 de declaración do Estado de Alarma que a todos os efectos prevalece sobre o que digan as autonomías. Nese Real Decreto precísase como excepción á restrición dos movementos que as persoas poderán desprazarse “ao lugar de traballo para efectuar a súa prestación laboral, profesional ou empresarial”, é dicir, que só os agricultores ou gandeiros profesionais poderían transitar pola vía pública para ir facer traballos relacionados coa súa actividade económica, mentres que os demais, ao non estar autorizados a movernos nese mesmo suposto, só poderiamos atender as leiras que teñamos ao pé da casa. Medio Rural solicitoulle ao Goberno do Estado que aclarase se se pode ou non, pero ao mesmo tempo -e sen que por agora se publicase resposta normativa estatal ao respecto- informa na súa web que si estarían permitidos ese tipo de desprazamentos cumprindo “as recomendacións sanitarias”, a expensas dos “cambios e modificacións” que poidan anunciar as autoridades.

Nesta situación de emerxencia sanitaria e cunha normativa marco -o RD 463/2020- publicada hai unha semana que xa se viu modificada en varios aspectos, o que debe imperar no caso dos desprazamentos para labores agrarios é o sentido común.

Agricultores e gandeiros profesionais non teñen ningún problema en canto a circular pola vía pública con destino aos seus predios, posto que están amparados pola epígrafe que autoriza os seus movementos como parte do seu traballo.

A dúbida xorde con quen ten unha leira separada da casa na que, por exemplo, quere poñer cebolo, allos, chícharos -patacas non, xa que en San Sadurniño segue sen estar permitido por causa da couza guatemalteca-, atender as froiteiras ou facer calquera outro labor na terra, como se fixo sempre nese sistema tan noso dunha agricultura de autosuficiente que nestes tempos de confinamento aínda cobra máis importancia.

Atendendo á literalidade da normativa estatal, os “agricultores aficionados” ou “de fin de semana”, como sinala La Voz de Galicia -nós preferimos denominalos “mantedores dunha sabedoría e dunha cultura milenaria”-, só poderían facer eses traballos naqueles terreos pegados á vivenda. Pola súa banda, Medio Rural interpreta o RD 463/2020 asimilando as circunstancias de profesionais e non profesionais, que, salvo “a adopción de medidas máis restritivas” poden “facer limpezas de montes individuais, plantar froiteiras, produtos de horta, etc. en fincas particulares non limítrofes coas vivendas durante a alarma sanitaria”, tal e como se sinala nun listado de FAQ’s publicado na súa web.

Porén, cómpre ter en conta que a restrición da mobilidade -e as excepcións permitidas- é unha medida decretada polo Estado cuxa aplicación recae nas forzas da orde, como é o caso das unidades do exército despregadas polo territorio, a Policía Autonómica, as policías locais e, no caso de San Sadurniño, a Garda Civil. A normativa estatal -que é a que prevalece- non baixa ao detalle de moitas especificidades que se están dando cada día, como é o caso da nosa propia relación coa terra como fonte de aprovisionamento alimentario nin tampouco o feito de que vivir no rural é xa de por si unha barreira máis contra posibles contaxios. Unha barreira que, sen embargo, non é insalvable para o coronavirus.

De aí que desde o posto da Garda Civil de San Sadurniño se volva insistir en que só se fagan os desprazamentos imprescindibles e cumprindo as recomendacións preventivas das autoridades sanitarias, ao tempo que se sinala que, a falta de maior precisión normativa, na vixilancia dos desprazamentos por razón de labores agrícolas -igual que no resto de casos non contemplados no Real Decreto- será de aplicación “o sentido común”. Un sentido común que debe antepoñerse a calquera outra consideración, e polo que se pide que nas terras afastadas do domicilio só se fagan aqueles traballos prioritarios ou que non poidan agardar.

Medidas para a agricultura
Nos últimos días a Consellaría do Medio Rural tamén informou sobre outras cuestións que lle afectan ao agro, tanto a actividades profesionais como de autoconsumo. Unha das primeiras é a suspensión de todas as autorizacións de queima, incluídas as que foran comunicadas con anterioridade ao decreto do Estado de Alarma. Tamén se interrompeu a pesca fluvial e suspendéronse as batidas contra o xabaril, agás as que se poidan autorizar por razóns extraordinarias.

A Xunta mantén en funcionamento o servizo de recollida, transporte, eliminación e destrución dos cadáveres de animais en explotacións gandeiras e anunciou que a solicitude das axudas da PAC, que vencía o 30 de abril, se amplía até o 15 de xuño. Malia que os prazos administrativos están suspendidos, a presentación telemática das solicitudes pode seguir facéndose, igual que para calquera outra convocatoria autonómica.

Están suspendidos os mercados agrarios e gandeiros e, en relación co coidado do agro e do gando, recórdase que os comercios relacionados coa subministración de sementes, produtos/servizos veterinarios e alimentos para animais poden continuar abertos.

Suspéndense mentres dure a situación de alarma as campañas do saneamento gandeiro, aínda que os servizos veterinarios oficiais si continuarán traballando no control dos matadoiros, nos plans de erradicación de enfermidades e de vixilancia de importacións animais, nas actuacións posteriores á detección de positivos a inhibidores no control leiteiro e no control daquelas explotacións inmobilizadas por causas sanitarias.

En canto ao movemento de reses, as circunstancias excepcionais da alarma sanitaria permiten mover animais bovinos, ovinos e cabrúns, tanto para vida como para matadoiro, coa copia da folla do saneamento sen cotexar. Da mesma maneira os tratantes poden desprazarse ás granxas para buscar becerros e levalos directamente ao punto do destino. Para solicitar crotais pódese pedir cita telefónica na Oficina Agraria Comarcal para que os servizos veterinarios nolos entreguen.