Saturday 23 de November de 2024

Segundo López Pérez, Simon Barton e María José Azevedo, novos membros do Comité Internacional de Expertos no Camiño


Presidido por Paolo Caucci, este é o órgano encargado de asesorar no eido científico e cultural a Turismo de Galicia no relativo ao Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ven de nomear a Segundo López Pérez, Simon Barton e María José Azevedo como novos membros do Comité Internacional de Expertos no Camiño de Santiago, do que xunto a estes tres expertos figuran Paolo Caucci (presidente), Manuel Castiñeiras, Klaus Herbers, Fernando López Alsina, Robert Plotz e Adeline Rucquoi.

O Comité Internacional de Expertos no Camiño de Santiago naceu no ano 1992 como órgano asesor para a celebración do Ano Santo Compostelán de 1993 e o seu criterio fundamental foi o contar cos investigadores máis coñecidos internacionalmente no ámbito dos estudos xacobeos e aos máis estreitamente ligados ao fenómeno das peregrinacións a Compostela e das asociacións de peregrinos.

A función principal deste Comité é a de asesorar á Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, nos temas relacionados co Camiño de Santiago e os seus itinerarios, publicacións, centros de estudos, congresos, exposicións e outros eventos.

Actividade
Así, entre as actividades realizadas polo Comité Internacional de Expertos no Camiño salientan a edición de varias publicacións científicas na Colección científica da Xunta de Galicia, a dirección e organización de oito congresos internacionais ou a edición da revista ‘Ad Limina’, de carácter multidisciplinar e que se publica desde 2012.

Na actividade deste órgano asesor de Turismo de Galicia tamén se atopa a creación e mantemento de centros de estudos xacobeos no exterior, como o Centro d’ Etudes Compostellanes de París ou o Centro Italiano di Studi Compostellani di Perugia (Italia).

Novos membros
Polo que respecta ao novos membros deste Comité, Segundo López Pérez é na actualidade o deán da SAMI Catedral de Santiago de Compostela.

É profesor do Centro Agregado Teolóxico de Santiago de Compostela, dependente da Universidade Pontificia de Salamanca.

Segundo López Pérez é licenciado en Filosofía e Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca e doutor en Teoloxía pola mesma Universidade, e entre outros cargos desempeñou o de reitor do Seminario Mayor de Mondoñedo-Ferrol.

Simón Barton é profesor na Universidade británica de Exeter, dentro do Departamento de Historia. O profesor Barton é un experto en historia medieval española e conta no seu curriculum con numerosas publicacións especializadas nesta materia.

Por último, María José Azevedo Santos é doutora en Historia da Idade Media pola Universidade de Coimbra, catedrática na Facultade de Letras e directora do Arquivo deste centro de estudos portugués.

María José Azevedo ven dedicando boa parte do seu labor investigador e maxisterio á paleografía, á diplomática e á codicoloxía medievais latina e portuguesa, áreas sobre as que impartiu conferencias e seminarios en prestixiosas universidades e institucións científicas europeas. Tamén é autora de numerosas publicacións especializadas.