Friday 22 de November de 2024

O albergue habilitado no Pavillón de Deportes de Riazor estará operativo desde mañá


A Concellería de Benestar Social ofrecerá aloxamento, duchas e comida para 35 persoas con posibilidade de aumentalas ou de habilitar máis espazos se for preciso A Coruña, 21 de marzo de 2020.- O concello habilitará o frontón e parte das instalacións do Pavillón dos Deportes de Riazor para albergar desde mañá a 35 persoas sen fogar durante as 24 horas do día, con posibilidade de aumentar as liteiras –cedidas polo Exército- e os espazos de acollida se for preciso.

Nas instalacións daráselles ás e aos usuarios servizo de duchas e aseo con produtos de hixiene; almorzo, comida e cea, así como aloxamento, dentro dunha zona habilitada para o descanso. Benestar Social e a Forza de Loxística Operativa (FLO) acondicionaron estes días o multiusos para que poidan durmir e teñan ademais un apartado en que realizaren as comidas.

Deste xeito, o persoal aproveitará o tempo en que xantan para limpar a zona de descanso e en todo momento se gardarán as medidas de seguridade e prevención decretadas polo Estado. As persoas usuarias estarán separadas tanto nestes dous apartados como en varias zonas internas para o esparexemento, incluída tamén unha exterior entre o pavillón e o estadio de Riazor.

Nun dos accesos ao pavillón onde estará habilitada a entrada, persoal do Sergas realizaralles unha triaxe e ademais, unha vez dentro, tomaráselles a temperatura e controlarán o seu estado polo menos dúas veces ao día.