Dende primeiras horas da mañá, voluntarios da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribeira atópanse no mercadiño municipal dos sábados tanto para controlar o acceso en colaboración coa Policía Local coa fin de evitar aglomeracións de clientes, como para levar a cabo outros labores de prevención ante o Estado de Alarma.
Por exemplo, o reparto de material profiláctico (sobre todo, guantes desbotables) entre os diferentes postos: todos eles relacionados co sector da alimentación e produtos perecedoiros de acordo co disposto no Bando de Alcaldía do venres 13 de marzo e co Real Decreto 463/2020 do día seguinte.
Alertas para actuar
Aínda que nestes momentos saen dos seus fogares basicamente para prestar este tipo de labores preventivos, os membros da agrupación están alertas as 24 horas por se as autoridades requirisen maiores servizos ante un eventual empeoramento da situación. Neste senso, a entidade conta cun total de 35 voluntarios e voluntarias formados en todas as ramas de emerxencias, ademais de manter contacto con antigos membros dispostos a incorporarse de ser preciso, e de coordinar xunto a Servizos Sociais a colaboración altruísta de veciños e veciñas que se ofrecen a axudar na loita contra o coronavirus.
“Queremos que a xente saiba que estamos ao pé do cañón e que como un eslabón máis do Concello faremos todo o que estea na nosa man para colaborar coa ciudadanía de Ribeira”, explicou un dos responsables de Protección Civil.