O Consistorio agarda a que a Xunta envíe material de protección para iniciar tarefas de desinfección nos lugares máis concorridos
O labor de todos os concellos está centrándose nestes primeiros compases da crise en reorganizar o seu funcionamento para adaptarse a unha situación nunca antes vista e, ao tempo, en seguir prestándolle servizos á veciñanza -algúns deles novos, tal e como mandan as circunstancias- sen perder de vista a adopción de medidas preventivas de posibles contaxios. A primeira acción no caso de Moeche foi a suspensión de toda a actividade sociocultural e o establecemento da atención nas oficinas municipais só con cita previa. En paralelo artellouse, en colaboración co tecido asociativo, unha rede de apoio a persoas que poidan precisar axuda para ir buscar alimentos, artigos de primeira necesidade e medicinas. A situación semella que vai para tempo e que o Estado de Alarma se prolongará máis dos quince días previstos inicialmente. Esa é a razón de que os esforzos municipais se dirixan nunha parte importante en reforzar a protección do persoal municipal -sobre todo o de Servizos e Axuda no Fogar- e tamén dos voluntarios e voluntarias que se ofreceron a axudar no dispositivo de atención veciñal. Tamén está previsto acometer tarefas de desinfección dos lugares máis concorridos, como son os accesos a supermercados, á farmacia, ao centro de saúde, ao propio Concello ou ás dúas entidades bancarias.
Sobre a cuestión de ir ao banco -un dos desprazamentos autorizados no Estado de Alarma- o Concello publicou hoxe mesmo un aviso en facebook no que se lle pide á veciñanza que respecte as normas de atención nas oficinas, tendo en conta ademais que no caso de Abanca se adiantou o pagamento das pensións aos días 24 e 25 de marzo, mentres que o Santander o fará a partir do 25.
Segundo as medidas preventivas, no interior das oficinas non pode haber máis clientes agardando que persoal traballador, de xeito que ambas oficinas irán atendendo a clientela de unha en unha persoa e esixindo que non se sobrepase a liña marcada no chan. Lémbrase que as persoas que permanezan fóra agardando a vez deben manter unha distancia mínima entre si de 1,5 metros para reducir a posibilidade contaxios.
O Concello xa lle solicitou tamén á Consellaría de Sanidade que proporcione material de protección individual para o Servizo de Axuda no Fogar e para o persoal de Obras e Servizos. En conreto pedíronse lentes, mascariñas de nivel F3, batas de un só uso e luvas. A Administración local xa dispuña de parte dese equipamento -mascariñas, luvas e líquido desinfectante-, que lle foi entregado a todo o persoal despois da xuntanza de coordinación mantida o luns. Nela tamén se estableceu que o SAF atenderá só os casos de persoas dependentes -suprimiuse o servizo de libre concorrencia-, mentres que en Obras e Servizos se marcaron quendas semanais de traballo para as tarefas de mantemento habitual e para a recollida do lixo deberá acudir todo o persoal do departamento.
Dentro dos labores da área encóntrase a desinfección dos espazos máis concorridos. A idea do Concello é facer limpezas en profundidade na casa consistorial, nos accesos ao centro de saúde e ás entidades bancarias e tamén no exterior da farmacia, das tendas e dos supermercados, ademais de repasar ben todo o mobiliario urbano das zonas máis transitadas.
Para iniciar este programa de hixiene pública o Concello ten listas desde o martes tanto as mochilas pulverizadoras como o líquido e agora só falta que cheguen os equipos de protección individual solicitados á Xunta, que tamén se lle proporcionarán aos voluntarios e voluntarias que se ofreceron a colaborar co Concello no dispositivo de atención a persoas que precisen axuda para facer a compra ou ir buscar medicamento.
Beatriz Bascoy comentou este mediodía que todos os EPIs “están pedidos por correo electrónico á Consellaría de Sanidade que, segundo parece, é quen nolos ten que facer chegar. Polo momento dispoñemos do máis básico, como son mascariñas, luvas e solución hidroalcólica, pero en cuestión de días necesitaremos repoñer. De momento non nos deron prazos, pero agardamos que a Xunta atenda rápido a petición e que nos mande tamén o outro material que pecisamos. Fai falla que resposta ás necesidades que temos os concellos sexa tan áxil como demandan as circunstancias”.