O Concello de Ribeira puxo a disposición a súa carpa multiusos situada fronte ao mercado municipal para que se poidan realizar alí os labores de limpeza e desinfección das ambulancias que prestan servizo no Hospital da Barbanza.
Así foi autorizado na Comisión de Seguimento da Evolución de COVID-19 do día de hoxe, logo de ter coñecemento por medio da xerencia do Hospital de que estes vehículos tiñan que desprazarse ata Santiago de Compostela para recibir este tratamento. Así mesmo, a comisión acordou a instalación na citada carpa de contedores para a retirada dos refugallos que se xeren.
Reforzo do GAEM e Policía Local
Por outra parte, o Concello segue a incrementar o seu persoal dedicado a vixilancia e emerxencias. Se onte se daba conta da incorporación o vindeiro luns de catro auxiliares de policía, hoxe se tomou a resolución de que dous axentes que habitualmente prestaban funcións alleas ao servizo na rúa se sumen á dotación de axentes da Policía Local que velan polo Estado de Emerxencia. Ademais, acordouse contratar con carácter urxente dous condutores para o Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal (GAEM) e para iso se recorrerá á última bolsa de emprego tal e como se fixo tamén no caso dos auxiliares.
Unha última resolución tivo que ver coa adopción de aptitudes máis proactivas entre o persoal municipal para tratar de alcanzar a máxima poboación á hora de tratar de detectar posibles casos de persoas con necesidades que non estivesen aínda identificadas e prestarlles así a cobertura que precisan. Cómpre lembrar a este respecto que o Concello ten habilitados tres números de teléfono aos que se poden dirixir todos os veciños que sexan coñecedores dalgún caso de necesidade: son o 981 874 131 (Servizos Sociais, operativo de 9 a 13 horas), 981 876 029 (Protección Civil, de 8 a 22 horas) e 981 870 933 (Atención ao Maior, permanente).