Friday 22 de November de 2024

O Mapa de Capacidades TIC da Amtega ofrece xa ás empresas galegas máis de 700 solucións tecnolóxicas de 300 provedores


O MapaTIC.gal consolídase como escaparate da oferta TIC galega na internet e punto de encontro entre o sector tecnolóxico e os restantes sectores produtivos

O Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, o MapaTIC.gal, integrado na páxina web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es), remata o 2014 con máis de 300 provedores, 700 solucións TIC galegas e 480 empresas non TIC como casos de éxito de implantación de solucións tecnolóxicas. Este ano convértese así no que máis incorporacións rexistrou esta ferramenta online, 10 puntos por riba da media de altas rexistradas en anos anteriores.

O MapaTIC.gal da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), é un directorio en liña onde as empresas demandantes de tecnoloxía poden localizar facilmente provedores, produtos e servizos tecnolóxicos galegos. Proporciona un escenario ideal para crear oportunidades de negocio TIC local e permite fomentar a cooperación intersectorial de cara a mellorar a competitividade do sector tecnolóxico galego.

As empresas demandantes de tecnoloxía que están á procura de aliados tecnolóxicos no seu proceso de transformación dixital poden atopar unha completa e variada oferta tecnolóxica. ERPs, CMRs, servizos de consultaría e estratexia de marketing dixital, desenvolvemento de aplicacións móbiles (apps), servizos de formación tecnolóxica ou desenvolvementos de aplicativos de realidade virtual ou aumentada son só unha mostra da tipoloxía de solucións TIC que é posible atopar no MapaTIC.gal.

Oferta e Demanda
O MapaTIC.gal está estruturado en dúas áreas, oferta e demanda tecnolóxica, con servizos personalizados para cada unha delas. Así os provedores unha vez rexistrados no MapaTIC.gal, ademais de contar cunha canle que lles dá máis visibilidade na Internet, poden acceder facilmente aos servizos prestados polo CDTIC, identificar á competencia e a potenciais demandantes de tecnoloxía.

Pola súa banda, os demandantes de tecnoloxía, unha vez rexistrados poderán acceder libremente á información personalizada dos provedores para atopar os produtos ou servizos que mellor se adapten ás súas necesidades tecnolóxicas, así como publicar demandas tecnolóxicas. O MapaTIC é unha ferramenta máis para facilitar a transferencia de necesidades tecnolóxicas entre o sectores empresariais e o sector TIC.

Catálogos TIC sectoriais
Co obxectivo de achegar máis facilmente a oferta tecnolóxica existente en Galicia aos sectores empresariais de maior relevancia e maior peso na economía galega, o Centro Demostrador TIC de Galicia publicou dous catálogos sectoriais: ModaTIC.gal e TurismoTIC.gal.

O primeiro dos catálogos publicados, ModaTIC.gal (http://ficheiros-web.xunta.es/cdtic/documentos/ModaTICgal.pdf) aglutina unha mostra representativa de 40 provedores e 70 solucións TIC galegas para o sector téxtil. Presentouse no marco da I Semana TIC dedicada ao sector téxtil: As TIC na estratexia de negocio celebrada no 2013 que reuniu a máis de 70 profesionais dos sectores TIC e téxtil.

Pola súa banda o catálogo TurismoTIC.gal (https://cdtic.xunta.es/mapatic/catalogos/catalogo/show/id/3/pag/1/num_resul/10), que se presentou recentemente na Xornada de retos e oportunidades tecnolóxicas para o sector do turismo, recolle máis de 60 provedores TIC galegos expertos neste sector e preto de 50 empresas turísticas como casos de éxito de implantación desas solucións tecnolóxicas.