Friday 22 de November de 2024

Ribeira reforza as medidas de desinfección en vías públicas e vehículos municipais


 

Dentro da Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 do día de hoxe, o Concello de Ribeira adoptou dúas novas medidas encamiñadas a reforzar a desinfección no noso municipio no marco das nosas competencias.

Así, unha delas foi autorizar á empresa concesionaria de limpeza ao emprego de hipoclorito nas tarefas de baldeo de vías e espazos públicos nunha proporción de 2,5 litros por cada mil: trátase dunha nova medida relacionada con este servizo que se suma á acordada fai dous días para que se priorizase a desinfección de mobiliario urbano (especialmente, marquesinas e contedores de apertura manual) en detrimento de recursos humanos e materiais que habitualmente se invisten en lugares como os paseos marítimos.

A segunda medidas reside na utilización dun equipo de ozono para a desinfección de interiores de vehículos municipais grazas a unha empresa de lavado da cidade (SalpiCar) que se ofreceu desinteresadamente: unha exemplar iniciativa que foi agradecida polo Concello.

Polo demais, no transcurso da reunión se tomaron outros acordos cunha perspectiva social como son a intención de colocar carteis informativos nos supermercados, farmacias ou estancos para apelar á cidadanía a que se poña en contacto co Concello se coñece algún caso de persoas con dificultades á hora de abastecerse, toda vez que as necesidades en canto a voluntariado —que como se informou onte está sendo coordinado entre o GAEM e Servizos Sociais— está nestes momentos cuberta, con independencia de que fose necesario incrementalas nun futuro. A este respecto, os números de teléfono aos que poden chamar os veciños son o 981 870 933 (Teléfono de Atención ao Maior, operativo de forma permanente), 981 874 131 (Servizos Sociais) e 981 876 029 (Protección Civil).

Toxicómanos
Ademais, solicitouse aos profesionais municipais competentes a que busquen unha solución adecuada para dar cobertura ás persoas en situación de vulnerabilidade social (moi en especial, toxicómanos) coa fin de evitar que estean na rúa.

Noutra orde de cousas, tomáronse medidas para axilizar administrativamente a contratación de suministros especificamente destinados a afrontar necesidades vinculadas co coronavirus e ratificouse o funcionamento do mercadiño dos sábados na súa parte dedicada a alimentación, enfatizando a necesidade de manter unha adecuada separación entre os postos e colocando ademais carteis recordatorios de medidas recomendadas polas autoridades sanitarias en canto a distancia entre usuarios, medidas hixiénicas, etc.

Por último, cómpre informar de que esta mañá o alcalde mantivo contactos coas empresas conserveiras do municipio tanto para coñecer os protocolos que están adoptando como para coñecer as súas necesidades. Do mesmo xeito, tamén se interesou pola situación de entidades como o centro de día e a residencia do maior por se precisan a colaboración do Concello.