As comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi apostarán polo produto ‘Surfing Northern Spain’ que difundirán en distintos eventos que se organizarán nos principais mercados emisores internacionais
A promoción e difusión conxunta do produto turístico surf constituirá unha das apostas máis decididas da marca turística España Verde da que forman parte as comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco para atraer visitantes ás súas costas ao longo de 2015.
Os catro territorios do norte de España contan con vantaxes competitivas neste eido dentro do ámbito español e así, espérase que este produto chegue a converterse nun dos catro produtos vertebradores da marca España Verde.
Dese xeito, xa ao longo de 2015 desenvolveranse accións de promoción turística internacional que posibiliten o posicionamento deste produto que comezará a comercializarse baixo a denominación ‘Surfing Northern Spain’ .
Accións de promoción nos principais mercados emisores
Segundo os resultados das distintas xuntanzas levadas a cabo polas catro comunidades autónomas que conforman a marca España Verde, o vindeiro ano levaranse a cabo distintas accións de promoción nos principais mercados emisores da marca, entre eles Gran Bretaña, Alemaña e Italia.
Deste xeito, para 2015 está prevista a organización dunha viaxe de familiarización para xornalistas e outra para operadores turísticos dos anteditos países.
Tamén se prevé a inserción de información turística sobre as posibilidades do surf no territorio da marca España Verde en medios de comunicación especializados de Gran Bretaña.
Patín Classic Galicia Pro
No ámbito do surf, tanto en Galicia como no resto de España, o certame ‘Pantín Classic Galicia Pro’ ocupa un lugar moi destacado, e xa constitúe unha das probas de surf máis importantes do calendario internacional.
Así, o pasado verán, o ‘Pantín Classic Galicia Pro’ celebrou a súa edición número 27 cun grande éxito de participación e difusión entre o afeccionados e o público amante deste deporte en todo o mundo.
Por iso, en 2015, a ‘Pantín Classic Galicia Pro’ xa ten reservadas as datas, entre o 1 e o 6 de setembro, para a celebración da súa edición número 28 dentro do elenco das máis prestixiosas competicións deste deporte náutico.
Na última edición do ‘Pantin Classic Galicia Pro’ inscribíronse 183 surfistas de moi distintos países, dos que 110 foron homes e 73 mulleres.
Ademais, entre o público que asistiu ás distintas probas do campionato e os participantes nas actividades paralelas levadas a cabo pola organización, houbo 25.000 persoais interesadas por este evento en 2014, cinco mil máis que en 2013. Neste ámbito, na edición de 2014 tiveron lugar 884 bautizos de surf gratuítos.
Ademais destes datos, o ‘Pantin Classic Galicia Pro’ tivo en 2014 unha repercusión mediática de máis de 3.300 noticias para unha audiencia de 41.683.270 persoas, segundo estimacións da organización.
Deste xeito, en televisión producíronse 18 noticias que chegaron a 3,1 millóns de persoas.
No eido dos medios escritos, o ‘Pantín Classic Galicia Pro’ estivo en máis de 90 noticias que chegaron a 18,5 millóns de persoas.
Cabe referirse tamén á difusión en streaming da probas, que chegou a case 13 millóns de persoas en todo o mundo, salientado os internautas de España, China, EE.UU, Francia, Alemaña, Indonesia e Xapón.
Ademais, na web oficial da proba entraron máis de 51.000 persoas que viron máis de 437.000 páxinas e no que atinxe ás publicación internacionais, máis de 50 fixéronse eco deste evento.
Por último, nas redes sociais, o ‘Pantín Classic Galicia Pro’ tivo máis de 1.500 ‘me gusta’ en Facebook e un incremento do 20,37% nos seguidores en Twitter .