Friday 22 de November de 2024

O venres comezará a funcionar o 010, un teléfono gratuíto para centralizar as demandas de atención social


 

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que o número telefónico 010, habilitado polo Concello, comeza a funcionar a partir do venres, de 8:00 h. a 20:00 h. Calquera persoa que non poida saír á rúa pode chamar a este teléfono. Servirá, sinalou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, reunida con carácter extraordinario; “para centralizar as demandas de atención social”. Tamén se acordou a eliminación da ORA en tres zonas: campus Sur, avenida de Ferrol e Pontepedriña.

Este teléfono 010 será atendido inicialmente por voluntariado de Protección Civil, e prestará especial atención ás persoas que viven soas e ás que teñen unha idade avanzada ou mobilidade reducida, coa finalidade de minimizar os riscos derivados da alerta sanitaria orixinada pola crise do coronavirus, e combater o illamento. Trátase dun servizo gratuito, xestionado polo Concello de Santiago de Compostela. O seu funcionamento baséase nunha xestión coordinada da administración local coas entidades de iniciativa social da cidade.

SERVIZO DE COMEDOR
Tamén se acordou tramitar, por vía de emerxencia, a contratación do servizo de comedor escolar. Sánchez Bugallo recórdalle ás familias que teñen bolsas de comedor escolar e que xa comunicaron que ían recoller os menús, que terán que facelo o luns, día 23, (e non o venres, 20 como estaba previsto) nos puntos de recollida xa concretados co Concello.

O contrato, por 33.000 euros ao mes, permitirá subministrar 200 menús a menores usuarios das bolsas de comedor. En principio asínase por un mes, pero pode ser prorrogado en función da evolución da crise. O alcalde non descartou amplialo a través dun novo contrato para asistencia domiciliaria ainda que aclarou, “de momento temos garantida esa asistencia domiciliaria coa “Cruz Vermella, con comedor social e a través dos convenios cos supermercados”. Sánchez Bugallo adiantou que “imos facer unha convocatoria pública para que os supermercados de barrio que estean interesados se poidan sumar a este servizo, de tal maneira que se garantiría a subministracion domiciliaria” e incluso, dixo, eses establecementos terían preferencia nos seus propios barrios.

OUTROS ACORDOS
O rexedor tamén deu conta da aprobación duns protocolos de actuación por parte das empresas que prestan servizos ao concello. Co fin de garantir a salubridade pública e o funcionamento dos servizos imprescindibles e esenciais na cidade como consencuencia da pandemia provocada polo COVID19. En Xunta de Goberno acordaron trasladar ás empresas contratistas e concesionarias varias instrucións relativas ás medidas de saúde e seguridade que se están tomando; ao deber de comunicar ao concello os plans de contixencias acordados durante a vixencia do estado de alarma; á comunicación co concello, que deberá ser de xeito permanente; e outras ordes concretas. En principio a vixencia destas instrucións estenderase ata o 27 de marzo. No caso do transporte urbano, as instrucións serán adaptadas o próximo luns, día 23, segundo os dartos de usuarios e as necesidades do servizo.

O alcalde explicou que se producirá un reaxuste no transporte urbano que se traducirá nunha redución nas liñas e frecuencias dun 48%; debido ao descenso no número de usuarios, que o luns se situou nun 88% e onte martes, no 90%. Dos 27.000 pasaxeiros diarios, onte só usaron o transporte público 2.700. A redución, continou, é moito máis acusada na tarde noite; por iso se decidiu tamén suspender as expedicións a partir das 22:00 h. Mantéñense, engadiu Sánchez Bugallo, “os servizos relacionados con hospitais” e priorízanse as conexións de todas as liñas. Este reaxuste irase revisando en funcións da situación e das necesidades detectadas.

Sánchez Bugallo tamén anunciou que máis da metade das prazas de zona ORA serán gratuitas a partir do venres. A medida afectará aos aparcamentos de Pontepedriña, Campus Sur e Av. de Ferrol, un total de 990 prazas de aparcamento, das 1.700 coas que conta a zona ORA na cidade. Unha das razóns porque non se estende a gratuidade a toda a cidade ten que ver co persoal. “A nosa intención”, sinalou o alcalde, “é que se manteñan o cen por cen dos postos de traballo”.
A eliminación da rotación mantense para todas as prazas ORA.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou habilitar seis baños para os traballadores e traballadoras que teñen que prestar servizos considerados esenciais. Estarán situados no Parque Pablo Iglesias; no Parque do Restollal; na Praza de Salvador Parga; no cruce da rúa Concheiros coa rúa Corredoira das Fraguas; no cruce da Rúa Lisboa coa rúa Valiño; e no Parque de Ramírez. Ademais quedarán abertos os baños dos aparcamentos de titularidade municipal de Praza de Galicia, San Clemente, Praza de Vigo, Xoan XXIII, Lasalle, Romero Donallo, Rúa da Rosa, no Campus Sur a carón de da piscina, e en Galeras.

O rexedor tamén anunciou un contrato de emerxencia para a limpeza e desinfección de instalacións municipais, cun custe de 100.000 euros mensuais (IVE incluído).

PREGUNTAS
A preguntas dos xornalistas, Sánchez Bugallo indicou que se están tramitando 11 denuncias relacionadas co incumprimento das medidas decretadas por mor do estado de alarma. Unha cifra pequena, subliñou. De momento, “non observamos reincidencia algunha e estamos moi satisfeitos da colaboración cidadá”, engadiu.

Sobre a UME, explicou que está realizando os “servizos de desinfección indicados por Alcaldía na estación de autobuses, na estación de tren, nas dársenas, en hospitais, etc,”. “Nós”, engadiu, “estamos encantados de recibilos e agradecidos do traballo que están facendo”.

O alcalde sinalou que todos os servizos están funcionando, aínda que algúns con limitacións. “Existe unha parte importante de persoas teletraballando desde o seu domicilio”, engadiu. Porque reiterou, agora toca quedar na casa, xa que de momento, as necesidades da poboación máis vulnerable están cubertas a través dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil e de Cruz Vermella.

Por outra banda, anunciou que todas as persoas que vivían na rúa, 16 en total, están reubicadas en albergues e hostais, xa que “entendemos que deben vivir nunhas condicións dignas” a aí estarán mellor que nun polideportivo municipal.

En canto ao pago dos impostos municipais, afirmou que esa é unha cuestión que se tratará na Xunta de Goberno do luns que vén.