O Chanfaina Lab ofrece case 200 filmes en youtube, a Biblioteca ten a disposición das persoas socias un amplo catálogo virtual de libros e películas e, ademais, o alumnado de distintas escolas prosegue coas súas actividades en grupos de Whatsapp
Vivir nun concello rural ten moitas vantaxes, e máis aínda en tempos adversos coma os actuais. A diferenza das grandes cidades, aquí a maioría da poboación pode respectar as medidas de confinamento que prohiben circular pola vía pública sen necesidade de estar sempre a cuberto. Malia que a situación é grave e que non se debe baixar a garda -poñendo para iso en práctica todas as esixencias sanitarias- quen viven nunha casa con finca están aproveitando para facer pequenos labores -preparar hortas, facer limpezas pendentes, etc.- e estirar as pernas ao aire libre sen saír do domicilio, tal e como manda o RD 463/2020 que restrinxe os movementos unicamente nas vías públicas, pero non nas propiedades privadas. Para o resto, para quen ten que estar si ou si dentro da casa, o Concello propón, por exemplo, descargar de balde títulos da Biblioteca municipal ou empacharse de bo cine revisando as curtas de todas as edicións do Chanfaina Lab, incluída a actual que xa ten en carteleira a estrea de “Aquilino das Seixas”.
Estas propostas compleméntanse coa oferta virtual das escolas de gaita e de ximnasia de mantemento para persoas maiores. Ao igual que as outras tamén pararon as súas citas presenciais, pero continúan a través dos grupos de whatsapp que manteñen activos o profesorado e o alumnado. Así, David Guiñazú, monitor do ximnasio e das clases itinerantes de ximnasia, estalles enviando ás súas alumnas sinxelas rutinas gravadas en vídeo para que as mulleres -todas elas maiores de 60 anos- non perdan o hábito do exercicio diario. No mesmo sentido, desde os obradoiros de memoria activa tamén se recomenda que as persoas participantes manteñan os xogos e exercicios cognitivos que ata a semana pasada se estiveron facendo nos locais sociais das parroquias.
Por outra banda, o mestre e artesán gaiteiro Marcos García tamén lles puxo deberes aos seus discípulos de iniciación e perfeccionamento. Ademais da encarga de repasar o repertorio aprendido no que vai de curso e nos anteriores, tamén enviou vídeos con pezas novas á frauta para ir adestrando a dixitación e practicando cada melodía. O obxectivo é que, cando todo isto pase, só se precisen pequenos axustes en grupo para que todo soe como é debido.
E, mentres, proseguen as estreas do último Chanfaina Lab. O venres pasado subiuse a youtube a peza “Aquilino das Seixas” que, precisamente, ten un gaiteiro como protagonista. Trátase dun “documental” dirixido polo realizador ferrolán Antón Rodríguez Fernández no que a figura de Aquilino das Seixas lle vale para enfiar unha historia totalmente ficticia apuntalada con testemuños coma o de Secundino García, Ángela Puentes, Juan Grandal, Lisardo López ou Bruno Casal. Todos eles prestáronse a participar nunha peza que homenaxea a figura dun persoeiro inventado co que Rodríguez utiliza simboliza o traballo de todas aquelas e aqueles que dun xeito ou doutro contribúen a preservar o patrimonio inmaterial.
A curtametraxe de Antón Rodríguez é a cuarta que podemos ver da fornada máis recente do Chanfaina. Aínda quedan 26 por estrear a razón de unha cada venres e, ademais, temos case 200 para revisar -ou ver por primeira vez- dos cinco anos anteriores. Velaí o listado completo.
A última opción de lecer que temos en carteira é a lectura. Se xa esgotamos a nosa biblioteca podemos acudir á oferta dos fondos de Galicia Le, onde hai arredor de 300 filmes de todos os xéneros -drama, comedia, documental, animación, etc.- e cerca de 1.000 títulos en formato electrónico, todos para descarga gratuíta sempre que se conte co carné da Biblioteca Municipal actualizado. Se alguén o tivo hai tempo e non sabe se aínda segue activo debe enviar un correo a anagavinmerlan@gmail.com ou chamar ao 652 814 144 para actualizar os seus datos e recibir as claves de acceso ao catálogo en liña da rede de bibliotecas públicas de Galicia.
A biblioteca de San sadurniño ten rexistrados un total de 861 socios e socias e durante este tempo de recollemento obrigado quere seguir creando comunidade arredor e a través dos libros. Por iso convidou a que toda a xente que queira envíe á súa páxina en facebook fotos, vídeos, audios e comentarios sobre as obras que estean lendo nestes momentos ou outras recomendacións interesantes.