Saturday 16 de November de 2024

O concello suspende o funcionamento da zona azul mentres dure o estado de alarma


O Concello de Ribeira suspende con carácter inmediato o funcionamento da zona azul na nosa cidade mentres permaneza o Estado de Alarma Actual.

Así o decidiu a Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19 na súa sesión de hoxe como unha medida enfocada a que a veciñanza que non dispón de praza de garaxe conte cun lugar permanente onde estacionar o seu vehículo e, por outra parte, non haxa que saír do seu domicilio para cambialo de sitio pola limitación temporal de aparcamento.

No transcurso da reunión acordouse tamén suspender o cobro de todas aqueles tributos que teñan como base impoñible a prestación de servizos municipais (por exemplo, as taxas de auga, recollida de lixo e alcantarillado están actualmente en período de pago do cuarto trimestre do ano pasado), en tanto que aqueles que xa foron pasados a cobro por estar domiciliados pero non están en condicións de ser prestados temporalmente (por exemplo, a cota dun abono polo uso da piscina da Fieiteira correspondente ao presente mes de marzo) serán compensados en futuras mensualidades.

Por outra parte, na comisión douse conta das xestións efectuadas polo alcalde Manuel Ruiz co vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, coa fin reforzar as dotacións das policías locais galegas en base a tres direccións: incorporación voluntaria de policías locais xubilados menores de 65 anos (que poderían ser ata dous efectivos no noso municipio), incorporación de alumnos da Academia Galega de Seguridade da Estrada e ampliación dos prazos nos contratos de auxiliares de policía local (actualmente establecido nun máximo de dez meses).

Servizos Sociais
Tocante a Servizos Sociais, acordouse que entre este departamento e o GAEM se centralicen e canalicen os labores de voluntariado, adoptando as medidas adecuadas para esta finalidade. Así mesmo, os Servizos Sociais adoptarán medidas que aseguren o dereito básico de alimentación de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade que se atopen afectados polo peche de centros educativos, traballando de xeito coordinado con outras institucións tales como as Consellerías de Servizos Sociais e Educación e os propios centros escolares.

Así mesmo, tomouse a decisión de solicitar á Delegación do Goberno en Galicia o envío urxente de equipos de protección individual, ao tempo que tamén se vai poñer a disposición do persoal de diverso material actualmente en stock como fundas e outro material.

En materia de transportes, vaise comunicar ás empresas prestadoras deste tipo de servizos públicos no noso municipio que extremen os traballos de desinfección dos seus vehículos (buses e taxis) entre viaxe e viaxe. Tamén se acordou instar a Portos de Galicia a que intensifiquen a vixilancia en pantaláns para que só os profesionais do mar empreguen estas infraestruturas e non outro tipo de usuarios que están obrigados a permanecer nas súas casas salvo os supostos especificados polo Goberno do Estado.

Por último, en certos servizos municipais nos que se conserva a atención presencial para casos de urxencia vanse instalar parapetos (mamparas ou outros) como medida de prevención e hixiene.

Streaming
Cómpre informar tamén de que no ánimo de dar a máxima difusión entre a cidadanía aos asuntos tratados na Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19, todos os días ás 13 horas o alcalde explicará por streaming os acordos adoptados empregando as contas de YouTube e Facebook do Concello.