Por primeira vez se establece un sistema horario adaptado aos novos tempos, introducindo o teletraballo e favorecendo a conciliación
Un total de 7.374 empregados públicos benefícianse da flexibilidade no seu horario de traballo despois da entrada en vigor da Orde este ano que por primeira vez establece na Administración galega un sistema horario adaptado aos novos tempos, favorece a conciliación familiar e laboral e introduce figuras novas como a compensación horaria ou o teletraballo.
O pasado mes de xaneiro, púxose en marcha na administración galega a posibilidade de que os traballadores e traballadoras da Xunta de Galicia flexibilizasen a súa xornada de traballo e se acollesen á modalidade de teletraballo sempre que ocupasen determinados postos de traballo e as necesidades do servizo o permitisen
Estas iniciativas supuxeron a regulación por primeira vez na nosa comunidade, do teletraballo e a compensación horaria dos empregados públicos autonómicos o que está a contribuír na conciliación da súa vida familiar e laboral. Así pois as vantaxes da flexibilidade horaria e o teletraballo hoxe son unha realidade grazas ao esforzo levado a cabo para a súa implementación, e supón unha nova concepción da función pública en Galicia, afectando a case 17.000 persoas, entre persoal funcionario e estatutario, persoal que presta servizo nas entidades públicas instrumentais e persoal laboral.
No eido do teletraballo, cabe destacar que preto de medio centenar de empregados públicos están xa teletraballando, polo cal estes empregados públicos desenvolven as súas tarefas fóra das dependencias da Administración autonómica mediante o emprego das novas tecnoloxías, coa finalidade de acadar unha maior eficiencia na xestión pública e contribuíndo á conciliación da vida familiar e laboral.
No teletraballo, no caso de existir varias solicitudes na mesma unidade e por cuestións organizativas non fora posible a concesión de todas elas, valorase preferentemente as solicitudes daqueles empregados públicos que acrediten conciliación da vida familiar laboral, é dicir, ter fillos ou fillas menores de 12 anos ou persoas dependentes ao seu cargo.