Dentro das medidas de apoio á veciñanza na actual situación de confinamento, o Concello de Moeche acaba de poñer en marcha un servizo de apoio domiciliario dirixido a aquelas persoas que vivan soas, que estean enfermas ou que teñan dificultades para desprazarse mediante o que lles facilitarán a adquisición de produtos de primeira necesidade, como poden ser alimentos, artigos de hixiene ou medicamentos. Abondará con chamar ao 639 417 975 para contactar coa Administración local, quen avaliará a petición e, no caso de axustarse aos requisitos deste novo servizo, enviará unha persoa para facer o recado.
“Se non tes medios para desprazarte facer a compra ou ir á farmacia, desde o Concello farémolo por ti. Se es unha persoa maior, estás soa ou enferma e precisas axuda, chama ao 639 417 975 en horario de 9.20 a 18.30h.” Esa é a literatura dun pequeno anuncio que o Concello de Moeche está difundindo desde primeira hora da mañá a través das súas redes sociais co obxectivo de facerlle máis levadeira a situación de confinamento a todas as persoas que se encontren nesas circunstancias.
O servizo funcionará da seguinte maneira: quen cumpra con algún deses requisitos e non dispoña dunha rede familiar ou veciñal de apoio deberá chamar ao teléfono indicado. Unha vez analizada a petición “en base ao coñecemento que temos do territorio, por sermos un concello pequeno no que nos coñecemos todos e todas”, tal e como explica Beatriz Bascoy, a Administración local enviará unha persoa que tomará nota da lista da compra. “Sempre han de ser artigos de primeira necesidade”, precisa a alcaldesa, e tamén cumprirá que a persoa solicitante entregue unha cantidade económica suficiente para cubrir o custe da encarga. Nese momento tamén se estenderá un recibo no que figuren tanto os produtos como a contía económica que se lle entrega á persoa enviada polo Concello.
O consistorio tentará atender no mesmo día todas as peticións que reciba pola mañá, deixando para o día seguinte as que se reciban durante a tarde. Á entrega da mercancía -alimentos, produtos de hixiene e/ou medicinas- tamén se volverá o cambio e un novo recibo no que quede constancia das transaccións efectuadas con motivo do servizo, que é totalmente gratuíto.
Esta iniciativa municipal é complementaria da rede de apoio veciñal creada na fin de semana en colaboración coas asociacións do territorio. Todas elas manteñen un grupo de comunicación no que tamén participa o Concello de cara a reforzar a atención aos colectivos máis vulnerables que non conten con colaboración familiar ou que non poidan botar man dela, precisamente, polas circunstancias excepcionais en que nos encontramos. “Hai persoas maiores que se valen por si mesmas sen ningún problema ou que precisan pouca axuda no seu día a día pero que teñen os familiares fóra de Moeche. Tamén hai persoas, as menos, que non teñen a ninguén. Para iso creamos o grupo de apoio, para que as entidades do territorio e os veciños e veciñas estean pendentes de calquera necesidade que poida ter ese colectivo, o máis vulnerable na actual situación”.
Beatriz Bascoy apunta que todas estas accións son complementarias da propia actividade que desenvolve o departamento de Servizos Sociais a través do Servizo de Axuda no Fogar. O Concello ten garantida a atención á dependencia dos graos 2 e 3 e incluso está ofrecendo o servizo a persoas que cumpren obxectivamente cos requisitos malia non contar aínda coa declaración oficial. Para optimizar recursos e limitar posibles contaxios -tanto ás traballadoras como ás persoas usuarias- está suspendida a libre concorrencia e, segundo indica a rexedora, “foron varias as familias que nos chamaron para solicitar a interrupción do SAF porque poden facerse cargo elas mesmas durante o confinamento, algo que é de agradecer dadas as circunstancias”.