Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Lousame suspende todas as actividades municipais e pecha todas as súas instalacións do 16 ao 30 de marzo


O Concello de Lousame vén de distribuír hoxe por todas as parroquias un decreto aprobado onte xoves 12 de marzo pola alcaldesa Teresa Villaverde Pais coas medidas a adoptar para a contención da transmisión do coronavirus COVID-19. Unhas medidas que teñen carácter preventivo e que estarán en vigor do 16 ao 30 de marzo.

Entre estas medidas inclúense a suspensión de todas as actividades que se realizan na Casa da Cultura: biblioteca, auditorio, sala de exposicións, ensaios da Banda de Música… A nivel educativo, queda suspendido o servizo Lousame Concilia, toda vez que non hai servizo de colexio; así como a atención aos usuarios do Punto de Atención á Infancia e do Centro de Día de Lousame. No caso dos maiores, tamén quedan suspendidos os obradoiros da memoria en todas as parroquias, así como todas actividades que se realizan nos locais sociais municipais. Finalmente, quedan suspendidas todas as actividades deportivas que se realizan nas instalacións municipais, que permanecerán pechadas ata o 30 de marzo (polideportivos, campos de fútbol, ximnasio…).

Finalmente, recoméndase facer as xestións administrativas co Concello a través do teléfono 981 820 494 ou a través da sede telemática (www.concellodelousame.gal) sempre que sexa posible. Estas medidas únense ás tomadas o pasado mércores, que supuxeron o aprazamento da II Xuntanza de Maiores, prevista inicialmente para este domingo.