Thursday 21 de November de 2024

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade a adxudicación do SAF dependencia á empresa Sanamede SL por case 450.000 euros


O Pleno municipal extraordinario do Concello de Lousame acordou por unanimidade adxudicar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes á empresa Sanamede SL, “por ser a oferta mellor valorada en canto a calidade e prezo do servizo”, explicou a alcaldesa Teresa Villaverde. Unha adxudicación por un prezo de 14,4 euros/hora (sen IVE) e 14,98 euros/hora (con IVE) por un período de 12 meses  non prorrogables.

Un contrato no que a empresa prestará 30.000 horas de servizo, un 40% máis ca na anterior licitación (21.400 horas), o que supón un montante total do contrato de 449.400 euros. Unha cifra que, segundo explicou Villaverde Pais, “é unha proxección, non é unha aritmética pura porque non podemos sabe cantas horas efectivas se van prestar. Calculamos que serán unhas 30.000 horas”.

O Pleno acordou incluír nos orzamentos de 2020 unha partida de 280.885 euros para o pago das mensualidades correspondentes a este ano e notificar esta adxudicación ás empresas participantes na licitación, que terán un prazo de 15 días para presentar alegacións. En caso de non presentarse alegacións, Sanamede SL deberá formalizar o contrato nos cinco días seguintes.